Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

ENTREVISTA CON LOIS RODRÍGUEZ, EDITOR DE VIEIROS

Para moitos, vieiros.com é o lugar ó que acudimos para respirar dentro do abafante panorama da prensa galega. Que se trate dun medio electrónico non é casualidade senón o resultado lóxico do país no que vivimos. Vieiros é un medio feito desde Galicia e en galego, unha aposta que cada vez máis xente agradece. Para tratar do presente e do futuro da información e da comunicación en Galicia falamos co editor, Lois Rodríguez, cando se van cumprir oito anos dende a aparición de Vieiros na rede.

- 15:23 01/12/2003
Tags:

AS DIFICULTADES DA PRENSA ELECTRÓNICA


¿Vieiros vive ou sobrevive?

Sobrevive con moitas dificultades, coma calquera publicación en Internet. Non hai ninguén en Galicia ó que lle vaia ben. Estamos nunha parte do mundo cunha cultura tecnolóxica e uns investimentos tanto públicos coma privados moi reducidos.

¿E iso malia o número de lectores que visitan as vosas páxinas?

Si, porque unha empresa do mundo dixital pode conseguir moito éxito dende o punto de vista dos contidos que ofrece pero ser ruinosa economicamente, xa que medrar en número de visitantes ten un custo elevado ó esixir máis investimentos en equipos e na conexión, para que soporte o aumento de tráfico. Nós tivemos un gran aumento de lectores coincidindo coa catástrofe do Prestige, o que nos obrigou a contratar e pagar máis pola nosa actividade e, sen embargo, non houbo máis publicidade.

¿Vieiros finánciase só coa publicidade?

Si, con publicidade, con patrocinios e con convenios con algunha empresa. Tamén vendemos servicios a outras webs (algúns dos contidos, bases de datos...). Nos medios tradicionais un aumento da audiencia vai acompañado dunha suba nos ingresos de publicidade; en Internet iso non ocorre porque é un medio que aínda está nacendo.

¿Como ves o voso futuro?

De momento conseguimos resistir. Nós temos unha empresa que se chama Acordar, que ofrece servicios en Internet, e cunha rendibilidade que permite manter Vieiros. No futuro queremos seguir loitando porque haxa medios de comunicación en formato electrónico, en galego, que non sexan tradicionais dende o punto de vista editorial e por iso levamos apostando 8 anos. A partir de agora queremos ir medrando a medida que imos aumentando o número de visitas e, asemade, asentándomos a parte comercial.

¿E que hai das subvencións das que seica viven os xornais de papel?

Efectivamente iso é así. Disque o Faro é o único que podería ter unha independencia económica. La Voz de Galicia é un xornal moi endebedado que vive das subvencións e das colaboracións “forzadas” coas administracións, xa que é un xornal de referencia e ten gran capacidade de presión para facer especiais, etc. A Internet non chegou isto. O valor simbólico do xornal impreso segue sendo moito maior. Por iso, as subvencións para medios electrónicos son practicamente nulas.

ELABORAR CONTIDOS DENDE GALICIA


Pero unha parte do noso futuro como país xógase na rede ¿non si?

Claro, pero é moi difícil convencelos da importancia de patrocinar medios de comunicación en galego e que a súa forma de ver o mundo sexa tamén galega. O problema é que hai outros lugares onde si están promovendo medios propios que se han facer máis fortes e acabarán por eliminarnos.

¿E non hai ninguén que sexa quen entre os nosos políticos que se decate da situación?

O que ocorre é que o poder en Galicia, tanto do PP coma do Bloque ou o PSOE é moi conservador, incapaz de propoñer cuestións de futuro ou que non sexan tanxibles. Apostouse polo cine cando se viu que podía ofrecer beneficios inmediatos, coma antes se fixera coa moda. Galicia é unha das poucas Comunidades autónomas que non ten un plan para a sociedade da información dentro do Estado. Mentres quen nalgúns países constitúe unha prioridade, coma o caso de Irlanda ou Portugal, en Galicia estamos á cola e nin sequera a oposición é quen de denunciar esta eiva.

¿Como definirías a liña editorial de Vieiros?

É distinta, xa que procuramos a máxima obxectividade en clave de país. Queremos ser un medio para un país que a nós nos gustaría que existise: normalizado, onde se puidesen discutir as cousas, onde o idioma non sexa unha división. Ademais, en Vieiros redactamos especificamente para Internet, e iso nótase ó comparármonos con medios que envorcan na web os contidos feitos para o papel. Por parte, pretendemos ser críticos con todo o mundo.

¿Cales son os trazos fundamentais que marcan os vosos contidos?

Os catro eixes nos que se basea Vieiros son a información especificamente galega -centrándomonos nos eidos político, cultural e de movementos sociais-, a información de carácter tecnolóxico, a emigración e o ámbito lusófono. Temos ademais o proxecto de afondar no campo da opinión, cunha serie de colaboracións, xa que pensamos que, ante a excesiva profusión de datos, o que a xente quere é información interpretada. A nosa intención é ofrecer claves para que os lectores e lectoras de Vieiros formen a súa propia opinión.

¿É POSIBLE UN XORNAL ALTERNATIVO EN PAPEL?


¿Por que cres que non fructificou o proxecto de crear un xornal en papel que ofrecese unha alternativa ós que agora existen e que recollese ó electorado do Bloque e do PSOE que, quizais, non se sinta cómodo co control exercido sobre os medios?

Porque creo ese proxecto partía da idea que acabas de dicir e iso está destinado ó fracaso. Penso que hai que facer un medio da maior calidade posible pero para un país, non para un sector ideolóxico determinado. Agora temos dúas posibilidades: que A nosa terra evolucione cara a un diario ou que se cree outro proxecto novo. Non digo que sexa imposible, pero é difícil por varias razóns: o papel é moi caro e hai que competir nun espacio que está moi cuberto e no que non resulta doado abrir un oco. Cando se observan manifestacións coma as de Nunca Máis cabe preguntarse se toda esa xente non demanda outro tipo de información. Pero é que, ademais, precísanse uns empresarios dispostos a investir e a afrontar as presións da Xunta.

¿Iso quere dicir que ás vinte mil persoas que se manifestan o 25 de xullo lles vale o que din La Voz e El País?

Pois esa é tamén a desgracia do país, porque son os únicos xornais de referencia. Despois, en Galicia hai xornais moi vencellados ó ámbito local ou monolíticos na súa liña editorial coma El correo. Á parte está La opinión, o único no que se observa un labor de investigación e unha certa frescura informativa. Canto a La voz, se ben é certo que mellorou a calidade dos seus contidos, é digno de estudio a viraxe espectacular trala catástrofe do Prestige que, penso, constituíu unha fraude ós seus lectores.

Aldegunde Quiñones


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: