Unha ollada ós habitantes da Costa da Morte durante a primeira metade do século XX. Histórica, sociolóxica e antropoloxicamente interesante. Pero non menos dende o punto de vista fotográfico. Porque é como se fixesemos unha viaxe por eses tempos onde o acto de retratar se revestía dunha solemnidade que hoxe, coa popularización da fotografía, resulta difícil de comprender. Son retratos de Ramón Caamaño, fotógrafo muxián, como el gusta referenciarse. Un artigo de Roberto Ribao sobre a exposición que, ata o 7 de abril, podemos visitar no Centro Cultural Caixanova, en Vigo.
Realismo nesas faces curtidas, nesas expresións nostálxicas e nesas mans inchadas polo esforzo. E ficción neses fondos idealizados que contrastan cunha realidade social menos quimérica.
Fotógrafo autodidacta, comeza a facer fotos con só dezaseis anos. Tamén curioso personaxe, editor e coleccionista de postais e mesmo emprendedor novo que levou o cinema polas aldeas, practicando unha singular polivalencia que o levaba a retratar a xente de día e a proxectar películas polas noites. Negocio completo. Pero tamén emoción. Para moitos foi unha especie de mago que verteu neles a luz do cinema por primeira vez. Ollos novatos e inocentes que recibiron con asombro aquel estraño invento que portaba aquel muxián novo de aspecto fráxil, enchendo o aire de luces e sombras.
Testemuños dunha época
Dende o pasado 28 de febreiro, o Centro de Estudos Fotográficos e Caixanova ofrécennos unha interesante escolma da obra de Ramón Caamaño, centrada na súa faceta retratística, que vai dende que comezou a facer fotos, a finais dos anos vinte, ata case a metade do século pasado. Malia tratarse duns retratos austeros, sinxelos e, na maior parte dos casos, funcionais, posúen unha enorme capacidade descritiva e expresiva. As diferencias sociais e económicas e as condicións de vida da xente agroman nas faces (unhas endurecidas e outras máis doces), nas cadeas dos reloxos, nas mans inchadas, nas mangas curtas, nos traxes remedados, no calzado... En xeral, a roupa, os peiteados e a actitude das persoas fálannos dun contorno social que vivía alonxado dos aires de apertura cosmopolita que se respiraban nas principais cidades galegas a finais dos vinte e primeiros dos trinta.
A vestimenta acada unha gran relevancia, reforzada polo espacio temporal que temos que desandar, malia que non se poida facer un comentario homoxéneo pola análise descritiva da roupa. Nuns casos albíscase certa modernidade nalgúns cortes e nalgún vestido, se temos en conta que estamos falando dun espacio rural. Noutros, o estado da roupa denota carencias. Tamén se intúe a práctica común de vestir para a foto o mellor que tiñan no armario. John Berger escribiu hai tempo sobre unhas mans demasiado grandes e uns traxes demasiado axustados, cando se refería á coñecida foto dos tres labregos que se dirixían ó baile, de August Sander. Algúns dos retratos de Caamaño tamén son portadores dese desaxuste entre traxe e condición social. A xente vestía as súas mellores roupas para o retrato, cousa que, seguindo a indicación de Berger, non nos impide albiscar hoxe cal era a súa verdadeira clase social. Mans inchadas e voluminosas denotan un esforzo físico diario, roupas axustadas e incluso curtas remiten a escaseza, a traxe vello, a préstamo...
Retrato e solemnidade
Con todo, outra vez á solemnidade, naqueles tempos onde o fotógrafo era posuidor dunha certa autoridade. Quizais os fotógrafos rurais galegos non chegaron a ter a consideración de heroe moderno, ó estilo do aviador ou do antropólogo, como nos contou Susan Sontag cando se referiu ó oficio de fotógrafo durante os anos vinte. Pero si é certo que a profesión gozaba de certo prestixio e o acto de fotografar era revestido dunha aura de formalidade. Algo queda diso nas expresións dos retratos do fotógrafo muxián. Quizais porque para moitos dos retratados fose a primeira vez que vivían esa experiencia. Resulta curioso que iso ocorra cos nenos, que substitúen a levidade formal característica da súa idade por unha sentida transcendencia. Sen embargo, non se profana a dignidade das persoas. Caamaño, como ocorre no caso de Virxilio Vieitez, coñece a moitas das persoas que retrata e o seu contorno social, o que lle permite reflectir cunha exquisita dignidade a súa condición.
O interese fotográfico de Caamaño reside na singular expresividade que acada en moitos dos seus retratos, malia responder a encargas funcionais e ser feitos con sinxeleza e precariedade de medios. Esa forza visual provén de distintas actitudes dos suxeitos. Unhas veces, dunha curiosa naturalidade. Outras, as máis, dunha mestura de incomodidade, tensión e solemnidade. Pero todos remiten ás mesmas constantes: a dureza da vida ou o orgullo da prosperidade, o vencello familiar, a dignidade e, sobre todo, a ausencia... Porque esta agroma, paradoxalmente, en moitos dos retratos colectivos. Cando aparecen as mulleres rodeadas de nenos pequenos ou cos fillos xa maiores, sentimos a falta do pai, que puidera estar en América, ou falecido, ou desaparecido no indómito mar. Mesmo sen saber o que puido ter acontecido, percibimos a ausencia nas súas miradas.
Cadeiras e maceteiros aparecen como substitutivos funcionais das clásicas columnas de estudio que servían para apoiarse e reducir a tensión ou o movemento. Aquí, cando ó realismo dos rostros, da roupa e da naturalidade dos suxeitos se lle engaden eses ou outros elementos (plantas, panos, coxíns...), ou cando se ficciona un contorno con eses fondos idealizados de estética burguesa da época, pérdese, en parte, a inocencia do sinxelo. Sen embargo, a sinxeleza torna virtude cando aborda o retrato dos mortos sen dramatismo, cunha naturalidade limpa e delicada. Mesmo cando o morto aparece acompañado dos seus familiares.
Hai retratos sorprendentes, como o desas dúas mulleres con dous nenos espidos sentados nunha cadeira no medio da horta. Ou como algúns retratos a dúo de irmás e irmáns, onde funciona unha estraña ambigüidade a partir da semellanza física, da mímese da vestimenta e dunha conivencia postural premeditada que reforzan a súa potencia visual (de novo, August Sander). Aquí, o rito social do retrato sobrepasa o seu carácter funcionalista.
Pegada do que non vemos
Sempre me fascinou a fotografía antiga que sabe contar o seu tempo. E os retratos de Caamaño son falangueiros, na súa inocencia e na súa austeridade. Pero da súa obra sobrancea ese estraño espírito ambiguo que agroma dalgúns retratos, inquedos e desconcertantes, que semellan dar creto a aquela máxima de Diane Arbus: unha fotografía é un segredo acerca dun segredo. Misterio que repousa nalgunhas faces dos retratos de Caamaño, un fotógrafo que quixo deixar recordos de canto vían os meus ollos. Pero el non sabía que tamén ía deixar pegada do que non vemos, do que moitas veces vive agochado de nós. E temos a fotografía para nolo revelar.