O alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, cualificou de "inxustiza" e de "agravio comparativo" o proxecto da Xunta para a Cidade da Cultura en Santiago. O rexedor socialista afirma que este é "o principal ataque á estabilidade do sistema autonómico"e acusa á Xunta de romper a convivencia institucional.
O alcalde coruñés asegurou que o anteproxecto da Xunta para a creación da Cidade da Cultura en Santiago é "unha discriminación arbitraria de todo o conxunto do pobo galego nunha actuación unilateral dun centralismo desaforado" que, segundo el, "vai privar de toda actividade cultural ao resto das cidades galegas.
Asemade, Vázquez apuntou que isto supón "unha ruptura da convivencia institucional, que é o principal ataque á estabilidade e ao mantemento do noso sistema autonómico".
Vázquez considera "inadmisible" que se leve a cabo un proxecto que, ao seu xuízo, supón "unha inxustiza, un agravio comparativo, unha arbitrariedade e unha unilateralidade á hora de investir orzamentos", xa que a cantidade que se destinaría en principio a esta Cidade da Cultura ascende a 18.000 millóns, que "é practicamente o orzamento do Concello da Coruña ou do de Vigo, e tres ou catro veces o da Consellería de Cultura", apuntou.
O alcalde herculino comentou detalle por detalle os pormenores da obra, na que figura a construcción dunha biblioteca de 12.500 metros cadrados, un museo da mesma extensión, un auditorio "que será o terceiro en Santiago", un edificio multiusos "que tamén será o terceiro", un centro da ópera "que será o segundo nesa cidade", unha hemeroteca, unha sonimateca, entre outras.
Francisco Vázquez criticou que mentres os veciños de Vigo teñen que pagar un Museo do Mar, no caso de Santiago se dea a triplicación de infraestructuras e instalacións. Afirmou ademais que esta situación "é algo inimaxinable en calquera sociedade democrática, e mesmo non democrática, porque non creo que en ningún país do mundo se poida plantexar unha arbitrariedade semellante".
Vázquez preguntouse asimesmo "cantos auditorios e cantos multiusos haberá que construir para maior gloria de Fraga Iribarne" e enmarcou nese "afán de centralizar" o Estatuto de Capitalidade de Santiago, co que, segundo el, Dositeo Rodríguez "pretende dar carta de legalidade" a esta situación.
Con estas declaracións, fixo un chamamento "a toda Galicia e a tódolos responsables políticos de tódolos partidos de Galicia", preguntándose "que resposta se vai dar agora ás necesidades deste país, aos gandeiros, á cota láctea, aos pescadores, ao sector industrial, aos asteleiros, ao grupo de empresas Alvarez ou á fábrica de armas".