Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Días soltos, por Bieito Iglesias

O escritor Bieito Iglesias recolle ironicamente a historia do acontecer diario: nove fragmentos de vida nos que están as matanzas de nenos nos Estados Unidos ou a venda das empresas do leite, os discursos complexos de Aznar ou o voto emigrante (que é o único importante).

- 07:39 25/06/1999
Tags:

Texto: Bieito Iglesias
Un peto. De continuar o chequeo constante ó país, temo que os íncolas nos poñamos a morrer. Un día veñen con que os galegos estamos en zona de promoción -sexta rexión europea pola cola-, ó seguinte con que o noso producto interior por habitante equivale ó 63 por cento da media de Europa. Aínda non repostos do tastabao, retrátannos como vicecolistas na cifra de lectores por comunidades autónomas, e algún acusón airea incluso a avareza autóctona: Somos os que menos cotizamos á igrexa ¿Ateos? ¿Mornos na fe a pesar de acoller a terceira cidade santa da cristiandade? Máis ben conáns, agarrados ó peto. Santo que non dá e coitelo que non corta, pouco importa; velaí o catecismo do galego. Voto a Fraga, exvoto á Virxe do Puño.

Tormento. Vázquez insiste no separatismo. Preséntase no Congreso para votar en contra da inclusión do catalán, eusquera e galego nos carnés. Cando foi do aborto non compareceu, declarándose obxector de conciencia. Na cuestión idiomática móstrase insubmiso ó seu partido. ¿As razóns? Reclama que o castelán se potencie en Galicia, Euscadi e Cataluña. Ninguén pide a promoción dos idiomas de Galeuzca en Madrid, por alá non hai quintacolumnistas. Os emigrantes en ámbito castelán han de someterse á soberbia serbia -o mesmo que os galaicofalantes de Lubián, Vegadeo ou o Bierzo-, pero aquí coidadiño con ofender os hispanófonos. ¿Dúas redes escolares, Galicia de Riba, Galicia de Baixo? No me des tormento, Paco.

Todo ben. A Xunta derreteu os cartiños públicos na constitución dun grupo lácteo. Leyma tómalle o tupé ós conselleiros e vende a Puleva. Os sorprendidos xunteiros exclaman: ¡Alá vai o can coa bica toda! Pero iso é porque lles falta ensino. O patrón, de viaxe en Australia, axiña rectifica: "Un beneficio para Galicia". Outra cabeza -unha cachucha na que cabe o Estado, canto máis uns canados de leite-, outra escola política. Fraga aprendeu o que sabe a carón dun filósofo estoico, do Caudillo que, con Carrero de corpo presente, sentenciou: "No hay mal que por bien no venga". Somos un país leiteiro cun presidente chorras. ¡Que leche temos!

Tirar de cachete. Carnificina nunha escola USA. Un grupo de adolescentes artificieiros -sabían o demo de bombas, polo visto-, armados de armas automáticas, irrompen no patio do recreo e estran o recinto de cadáveres. ¿De onde saen? Dun clube que viste abrigos negros e mitifica a figura de Hitler -tamén chaparan a vida e milagres do führer-. Educación para a paz, va. Curiosamente, os dous killers eran tipos moles, introvertidos, burlados pola facción deportista do alumnado, que os tiña por mariolas. Os atletas faltóns encontráronse coas faragullas. Educación na tolerancia, temas transversais, un currículum completo que brillaba pola súa ausencia nesa comunidade escolar. ¿Onde axenciaron armas mortíferas e sofisticadas? En Norteamérica faise un cun arsenal como quen lava. Xa o dixo Ch. Heston, presidente da Asociación do Rifle: "¡Mágoa que os profes e alumnos non tivesen ferro para armar unha boa ensalada de tiros!" Este actor bordaba o papel no Planeta dos Simios.

¡Que cadro!. Como reza o dito clásico a pintura é a literatura dos leigos. A visión do Pórtico dispensa de sesudas lecturas bíblicas. Nos tempos que corren tamén é a única maneira que encontra a mesocracia para pór na súa vida algo de ideal, un investimento rendible para profesionais agudos, mesmo a ocasión de lucir o roupeiro das señoras elegantes. Quedou moi claro na apertura da exposición de obras cedidas polos Tyssen. No Centro de Arte Contemporánea de Santiago, nos primeiros días e con baronesa presente, cabía agardar riadas de amas de casa intoxicadas por ¡Hola! Pois non foi por aí. Nas bichas que se formaron había profesores, políticos e empresarios, a tona da tona. ¿Fame por achegarse ó impresionismo e ó fauvismo? Monet e Gauguin esperan por nós ata o 25 de xullo, pero Tita Cervera ten máis que facer. A negra provincia adóraa. ¡Que cadro!

Fala memoria. Centenario do nacemento de Nabokov. Algúns tertulianos proclaman que foi un tipo melancólico. Para min que a lectura dos seus libros contaxia un irresistible contento. Basta con ler certo parágrafo de Pnin, para bañármonos nunha luz polar cada vez que abrimos a neveira. A inxesta de cervexa transformada en aventura no Gran Norte. Ignoro se o home era triste, pero o seu legado (Pálido lume; Ada; Lolita; A defensa; Dama, rei, valet) é, tomándolle a palabra a Otero Pedrayo, alegre como unha mañá de perdices. Vindo dun sabio coma el, toda unha proeza, xa que "estúpidos, necios e bobos son máis felices que os sabidos" (Erasmo). Non escribiu obras moralistas -"de interese humano"-, en cambio ergueu mundos ficticios que compiten coa Xerusalén Celeste. Falou de xadrez, de bolboretas, de nínfulas, de poesía rusa, de amores debilitantes ou reconstituíntes, e derrotou o Tempo: "Estou disposto a converterme en flor ventureira ou nun moscón, pero a esquecer, xamais".

Os estraños. Acórdense deses filmes en que a palabra comunista arrepía os actores, como se lle visen o cu á curuxa. Algo así sucede hogano co termo nacionalista. As radios madrileñas organizan debates e convocan a estes raros especimes. A locutora failles un exame e, se ve que están infectados, lévaos a que se expliquen. Sente verdadeira curiosidade, como se tropezase con E.T. Todo nace dun equívoco: os nacionalistas son eles. Para saír do engano, aconsello un cambio de nomes. D'Alema era antes comunista e agora demócrata da Sinistra. Se os manechos e sinistros se camuflan, con máis razón os apóstatas do nacionalismo español. En lugar de PNV ou CIU, deberían adoptar nomenclaturas como : Partido abstemio das copas do R. Madrid, Víctimas da Enciclopedia Álvarez, Saltimbancos de Irún e Port-Bou -de Portela do Home-. No caso dos galegos, eludirían as altas presións chamándose Fronte dos Azores.

Ciclos. Informe de orzamentos nun instituto con ciclos de formación profesional. Achega da Xunta, 4 millóns, inxección do Fondo Social Europeo: 8 quilos. Europa devolve o beneficio xerado pola masa de traballadores de aquí que contribuíron á expansión alemana, suíza, holandesa, nos 60. Xusto e necesario. Tamén é verdade que as xentes nosas descubriron por alá, ceibes do pano de aceiro franquista, as eleccións, a pílula anticonceptiva, o cinema sen censura, a liberdade. Curaron o nacionalismo viaxando, o furúnculo do Peñón, as infeccións por falta de hixiene de Isabel a Católica, a metástase da Hispanidade. Pero ¿usamos eses fondos para prosperar e tornalos innecesarios ou contamos co maná por sempre? Teño moi serias dúbidas de que os cidadáns da Galicia saiban deste estado de necesidade, confundidos polo va bien de Aznar e o va bene da TVG, polos hipermercados e o Xacobeo estuporante. Atentos ó Festival de Eurovisión.

De dentro. 600.000 galegos polos mares de fóra. Ese é o significado que ten para nós o pasodobre En el mundo. Medio millón máis ciscado pola pel de touro. As cifras do éxodo abondan para cuantificar as magnitudes do fracaso colectivo. ¿Galeguidade? Chorar a lágrima viva co melodrama televisivo dos reencontros de transterrados, velaí a traducción ó galego das engradas de Juanito Valderrama: Cuando me fui de mi España, volví la vista llorando. Boa parte do país de alén mar e ultra Pireneos, vota PP. Cando eu tiña cinco anos meus pais foron abducidos, arrebatados de súpeto nunha nave espacial do Instituto Español de Emigración -tren carraca, maletas vellas, recuas tristeiras-. Pido que se vote contra Expediente X.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: