Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Benvida

Nos últimos tempos, o panorama poético galego tense arrequecido coa achega de varios volumes que, malia a heteroxeneidade dos seus discursos líricos e as súas diferencias intrínsecas, comparten o carácter de seren todos eles óperas prima, obras iniciais que nos descobren voces ata o de agora descoñecidas para o gran público. Trátase de Xanela ao bío, asinado por Paco de Tano; Sons de baleas de Noelia Rodríguez e Muller de vidro onde conviven os poemas de Asunción Arias e a obra gráfica de Pablo Otero.

- 09:24 10/09/2003
Tags:

Paco de Tano, malpicán de adopción, participou nas obras colectivas Rumbo ás illas e Crepúsculo soñado e ofrécenos en Xanela ao bío unha obra moi coidada que recolle o diálogo entre os seus textos e as ilustracións a tinta de Paco Souto. Diálogo que se achega en moitas ocasións á poesía visual e que noutras devén en complemento mutuo pois imaxe e verso son, neste caso, linguaxes paralelas. O discurso lírico de Paco de Tano oscila entre a memoria dun amor feliz e a vivencia da soidade e a dor da perda da amada. Entran así nos poemas temas xa recorrentes na poesía galega dos últimos tempos como o erotismo, a observación do corpo, a fermosura dunha muller que se expresa en metáforas mariñas e a linguaxe da ferida que se endurece conforme avanzamos na lectura do poemario. A intimidade do eu poético lígase tamén á presencia constante dun mar ambivalente que tanto aporta os seus elementos á figura feminina como se torna cadaleito, motivo de morte e desolación. Así, o poemario remata con este estarrecedor texto: “Hoxe amaneceu / como Sol/ de último día/ sen bágoas no bío// o suicidio”.

Cheo de debuxos de baleas chéganos o primeiro libro de Noelia Rodríguez, Sons de baleas, un monllo de poemas de temática diversa onde atopamos un eu poético confesional que nos fai partícipes das arestas da súa existencia e que quere comunicar a través dunha palabra transcendente igual que as baleas aproveitan a capacidade conductora da auga para emitir os seus sons. Así, amor, memoria, soidade e dor vanse entrelazando nos versos con outros temas máis propios dunha poesía social como a presencia da emigración, a miseria, as inxustizas exercidas en nome do poder económico e por iso o eu exclama: “pedídelle á lúa que se apague./ Ó sol que despida lanzas de xelo/ Contra os que fan do mundo/ Un inmenso camposanto”.

Finalmente, Asunción Arias vai compilando os versos de toda unha vida en Muller de vidro onde o eu poético se nos amosa claro e diáfano como visto a través dun cristal que, ó mesmo tempo que nos permite coñecelo, tamén o encerra sen remedio e así é “Unha feminista metida / nun cárcere de cristal”. A muller e a súa problemática intrínseca son postas de manifesto a través dunha lúcida mirada que nos explícita como “Todas as mulleres son/ nais./ Atadas, dislocadas,/ escravas, víctimas.../ Perpetuadoras da especie” tal e como manda o modelo familiar da burguesía. Para subverter este modelo, a autora utiliza tamén unha linguaxe nova, distinta, onde se mesturan referencias a outras culturas con termos propios de rexistros alleos ó poema como a linguaxe de xerga de xeito que as palabras de sempre se nos presenten agora con outras roupaxes igual que os elementos cotiáns cobran nova vida nas pezas de Pablo Otero que ilustran o libro.

Tres son as novas voces que nos falan. Benvidas sexan ós territorios da lírica.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: