Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Macedonia: vida na marxinalidade

Ó longo de todo o territorio de Macedonia é posible escoitar dende cada canto que a pobreza é un dos problemas máis urxentes dentro das súas fronteiras. A conexión entre a pobreza e a situación de crise económica na que o país se viu somerxido, incluso antes do conflicto de 2001, é directa, e constitúe a causa dunha morea de problemas sociais. Macedonia é un país que cubre unha área de 25.713 Km2 cunha poboación de case dous millón de habitantes. Trala súa independencia da antiga Iugoslavia, Macedonia limitou o crecemento dos seus recursos, toda a industria permaneceu no territorio de Serbia e Montenegro e o conflicto cos países veciños, xunto coa guerra en Cosova, provocou unha crise económica que afundiu o país nun proceso retrógrado.

- 07:58 27/01/2004
Tags:

O difícil proceso de creación do estado-nación en 1991 orixinou un deterioro social e económico con respecto a anos anteriores. Isto debeuse sobre todo a un denominador común dos países balcánicos: a desconfianza mutua respecto ós países veciños e a necesidade do recoñecemento internacional. En setembro de 1991, a Comunidade Europea creou unha comisión para establecer os criterios baixo os cales as repúblicas da ex-Iugoslavia pasarían a ser recoñecidas como tales, mediante o respecto polos dereitos humanos e as minorías e o desexo de independencia expresado por medio dun referendo. Aparentemente, Macedonia cumpría todos os requisitos, mais a comisión deulle o recoñecemento a Croacia en decembro do mesmo ano e lle demandou a Macedonia garantías constitucionais de que o país non pretendía facer ningunha demanda territorial contra os países veciños. Esta esixencia foi feita baixo a presión de Grecia.

A República de Macedonia gañou o recoñecemento das Nacións Unidas o 8 de abril, baixo o nome de FYROM. Dende entón, o estado leva loitando polo recoñecemento internacional, o cal debe ser analizado no contexto das súas relacións cos países veciños e tamén, en termos de desenvolvemento económico.

Primeiramente, as sancións de Nacións Unidas contra Iugoslavia dende 1992 ata o final de 1995 significaron a eliminación de relacións económicas con este país, as cales eran moi importantes para Macedonia. Ademais, Grecia impuxo un embargo en abril de 1994, para protestar así polo nome do país –que, segundo os gregos, corresponde historicamente á rexión grega de Macedonia- e outros certos aspectos que aparecían na Constitución macedonia de 1991. A falla do recoñecemento internacional e as sancións económicas dificultaron a obtención de axuda das axencias monetarias internacionais, coma o Banco Mundial ou o FMI.

En novembro de 1992, o presidente macedonio Kiro Gligorov escribiu unha carta ó entón Secretario Xeral de Nación Unidas, Boutros Ghali, dicíndolle que o embargo do Consello de Seguridade da ONU contra Iugoslavia e o embargo imposto por Grecia significaban un dano enorme para a economía do país, que repercutiría na situación social.

Uns anos despois, as cifran amosan unha dura realidade. Segundo a Oficina Nacional de Estatística, oficialmente hai preto de 360.000 persoas desempregadas no país. Este número non inclúe traballadores que non obteñen beneficios, persoas sen fogar ou pertencentes á etnia romaní… A situación de pobreza afecta a todas as etnias e é motivo de preocupación de moitos cidadáns ordinarios, que tentan sobrevivir día a día. A pesares desta situación, os cidadáns apélanlles ós mozos para que permanezan no país.

A tendencia a incrementar a diferencia entre os niveis sociais semella non ter fin, ó contrario, vaise arraigando máis, desturbando gravemente as medidas e acción do goberno para obter unha prosperidade económica no país. Os datos oficiais son moi alarmantes. En 1997 o número de familias que recibía axuda económica era de 35.000, mentres que hoxe a cifra constitúe máis do dobre. Noutras palabras, ó redor de 300.000 persoas viven á marxe da axuda social facilitada polo estado. A porcentaxe do desemprego é dun 43 por cento.

Nos últimos anos pecharon un grande número de fábricas e a consecuencia disto existe un enorme incremento do desemprego que converte Macedonia nun dos países cunha taxa de paro máis elevada. O salario medio é duns 11.000 dénares (150€), unha pensión media 4.000 dénares (45€) e a axuda social para unha persoa é de 1.700 dénares (preto de 20€). Normalmente, o 70% dos traballadores gaña menos da media estatal e moita xente é pagada cun atraso de tres ou catro meses.

De acordo coa Oficina Estatal 270.000 persoas están na actualidade sen traballo (32,1%), aínda que o Instituto Nacional de Emprego afirma que a cifra ascende a 371.000 desempregados (53,4%). O persoal da Oficina estatal explica esta diferencia de cifras sinalando que 100.000 cidadáns atoparon emprego no sector do mercado negro e, polo tanto, non foron incorporados no seu informe. De acordo co Instituto Nacional de Emprego, unha familia macedonia emprega o 80% do salario mensual en gastos de alimentación, o cal é un claro indicador da pobreza se consideramos que nos países da Europa Occidental estes gastos comprenden o 30% do salario medio mensual.

Outro foco de marxinalidade e carencia económico-social son os refuxiados. Xa pasaron máis de dous anos dende o conflicto en Macedonia, pero os campos de refuxiados están aínda cheos con desprazados internos que non regresaron ás súas casas. Moitos deles xa non teñen un fogar ó que volver, xa que as súas casas foron destruídas e moitos deles non queren regresar porque afirman non sentirse seguros nas áreas en crise. Segundo o último rexistro de desprazados internos de rexións en crise, hai uns 9.000 cidadáns que viven fóra dos seus fogares.

Preto de 2.500 persoas están acomodadas nos doce centros para refuxiados ó longo do país e o resto permanecen con parentes ou amigos. A vida cotiá da xente nos refuxios non é a máis desexable, nalgúns deles non hai auga quente ou calefacción. Tralo conflicto, a xente recibía axuda humanitaria, mais agora este tipo de axuda desapareceu. Non posúen diñeiro algún, porque non poden gañalo, e moitos deles perderon todas as súas propiedades e traballos. Esta xente agarda polo goberno a que este lles axude a emendar as súas vidas, a reconstruír as súas casas.

Segundo os datos de UNICEF, o 70 por cento da xuventude nos países balcánicos ten só un único desexo: abandoar o país, marchar ó Oeste en busca dun pouco de luz ó final do túnel balcánico da transición que semella non ter fin. O número de nenos que non poden acostumarse ás novas condicións orixinadas polas transicións socio-económicas dos seus países semella ser enorme entre os países dos Balcáns. Os nenos son o grupo máis numeroso entre os pobres e marxinalizados, o cal se debe sobre todo, á ignorancia xeral sobre os dereitos dos nenos. A crise económica, os problemas políticos, os conflictos e as súas consecuencias levaron á fragmentación da familia a das estructuras comunitarias e tiveron como consecuencia o aumento de nenos pobres e maltratados.

A pesares de que todos os países da rexión asinaron e ratificaron a Convención para os Dereitos do Neno, non hai unha lexislación interna adaptada ou liñas de actuación concretas nesta área. É ben sabido que estes países non poden facer un grande investimento na atención médica e educación. O número de persoas que viven en institucións, nas rúas, que non asisten á escola, é grande. A parte diso, a pertenza a un grupo étnico específico pode levar a unha educación inaxeitada, explotación e violencia, oportunidades limitadas para o traballo e pobreza. O problema é especialmente serio se temos en conta á comunidade Romaní. É difícil saber en cifras exactas o seu número, mais unha cousa é segura: a metade da poboación romaní nos Balcáns é menor de 18 anos. Os xitanos non só teñen que afrontar a pobreza, senón que tamén sofren a discriminación. Nacer membro da etnia xitana nos Balcáns significa estar condeado á pobreza á marxinalización social case con toda seguridade.

As elevadas cifras de desemprego, xunto co problema de onde acomodar ós refuxiados que aínda permanecen no país e mais os desprazados internos multiplicou o número dos “sen teito”, sen que pareza que o goberno tome medidas urxentes para mellorar a situación. Unha vida na marxinalidade convértese pois na única perspectiva de moitos nunha sociedade que tenta abrirse camiño a pesares da pouca confianza e apoio que os estados europeos depositan na rexión balcánica na actualidade.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: