Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
14 ANOS DA SÚA MORTE

Artábria lembra a Carvalho Calero

Coincidindo co 14 aniversario da morte de Ricardo Carvalho Calero, representantes da Fundaçom Artábria veñen de enviarlle ao Alcalde unha carta na que demandan a celebración institucional de varios actos en homenaxe ao ilustre escritor da cidade. Entre as medidas solicitadas pola entidade cultural figura a construcción dun monumento en memoria de quen foi nomeado Fillo Predilecto de Ferrol no ano 1990.

- 13:09 25/03/2004
Tags:

O 25 de marzo de 1990 morría en Compostela Ricardo Carvalho Calero. O escritor, nado en Ferrol no ano 1910, deixaba tras de si un amplo traballo en eidos como o da poesía, o teatro a novela ou o estudio lingüístico do galego.

Cando se cumpren 14 anos do pasamento de Carvalho Calero, quen fora nomeado Fillo Predilecto da cidade –1990- e Fillo Ilustre de Galicia –1996- a Fundaçom Artábria vén de solicitarlle ao goberno municipal varias medidas destinadas a lembrar a súa vida e obra.

Así, a entidade remitiulle ao alcalde, Juan Juncal, e ao concelleiro de Cultura, José Manuel Couce, unha carta na que demanda, entroutras iniciativas, a construcción dun monumento que lembre ao escritor na Praza Vella, ao pé da casa na que naceu. Con respecto a este inmoble, dende Artábria animan a que se desenvolva a proxectada recuperación do mesmo para convertelo nun museo sobre o escritor.

En relación coa misiva, e no que respecta á promoción da nosa lingua, dende Artábria instan a que se galeguice a placa da rúa que lle foi dedicada ao literato no barrio de Recimil, así como que o Concello manteña e cumpla ao 100% o Plano de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade durante a anterior lexislatura.

Por último, e con vistas ao vindeiro ano, a entidade empraza á institución municipal a que propoña perante a Real Academia Galega que o Día das Letras de 2005 se lle adique a Carvalho Calero, coincidindo co XV aniversario da súa morte. Ademais, dende Artábria suxírenlle ao goberno municipal que organice de cara a 2005 varios actos e homenaxes destinados a lembrar a vida e obra do polifacético escritor ferrolán.


0/5 (0 votos)