Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
WELCOME TO TIRUCHY

Na India, tamén o fogar

"Recordo as actividades de baixa asistencia, as escusas para non involucrarse, a falta de coherencia, a indiferencia. A miña tristeza aumenta. Pero o desánimo non é posible con tantas persoas no fondo da retina. Porque elas son o meu motor e a miña enerxía. Por iso sempre teño gana de máis". Última entrega da serie de crónicas enviadas pola nosa colaboradora María Reimóndez desde a India onde traballa nun proxecto de cooperación a través da ONGD Implicadas no Desenvolvemento. Capítulos anteriores: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11 e 12

- 07:11 10/09/2004
Tags:

Representacións
Non sei moi ben que hora é pero é de día. Nas mans e nos pés levo a cor vermella da "atha" que marca as mans de quen baila. Nos ollos aínda algo de "kajal". Pero a representación que sinto máis próxima é a da despedida. Unha xa coñecida de hai tempo. Unha familiar e pesada, lenta. Hoxe Manimekalai marcha a Chennai a un congreso falar de xestión da auga. Desde o pequeno balcón da entrada dígolle adeus coa man. Logo veño á terraza e sento no frescor da mañá, o único do día, a mirar para a roupa que colga e a pensar para adiante e para atrás, xa entrando no limbo estraño que non marcan os paralelos.

A rebeldía págase
"Adeus, bailarina", díxome a irmá de Bobby despois da función. Onte, despois de 25 días, tiven que bailar en público. E iso coa ira de Sangeetha sobre a miña cabeza. Sangueeta foi a miña profesora de danza. Ela creu que eu era parva e o xadrez saíulle un pouco mal ao final.
Sangueeta pretendía sacarme cartos ata por esbirrar. No momento en que unha admite que é estranxeira acéndesenlles os ollos aos indesexables. Ambal e Manimekalai interviron. Ambal preocupado: "Esta xente é a que lle dá mala fama ao país". Comigo sabe que non ten que preocuparse: "A xente que é avariciosa éo con todo o mundo", dígolle.

Sangeetha é unha brahmán, como case tódalas mulleres que practican Bharathanatyam. A arte adoptada como marca de clase. Claro que antes foi a danza das prostitutas, as devadasis. A Bobby rexéitalle as pulseiras que con afecto me comprou para bailar. Véxoo co rabo do ollo. Sei que a vinganza está en pé. Todo porque me neguei a comprarlle o sari de 1.000 rupias que ela pretendía obter con mentiras ("Tesme que traer un sari de seda para a ofrenda a Shiva"). E logo cámbiame a música, ponme a peza máis difícil a dobre velocidade e por riba de primeira. Non vou dicir que foi marabilloso, pero sobrevivín. Sentinme coma o coello que sae do sombreiro. E o mellor de asomar a cabeza foi ver as caras sorrintes da xente que me quere, daquelas persoas a quen sinto amigas.

En dous mundos
Kavin, a filla de Ambal, pasa a tarde chorando porque a mamá vai en Chennai a un congreso e Ambal está nunha longa xuntanza de ONGs. Nós pasamos a mañá noutra das escolas para nenas e nenos traballadores. Blanca torce o bico: "Á idade de Kavin as nenas andan facendo as tarefas da casa cos irmáns pendurados do lombo". E todo iso sen chorar.

A tristeza comeza a pousarse en min. O traballo continúa á volta, coas mesmas dificultades de sempre. Pero a unión permanece. Sen embargo, a distancia fai o seu efecto. Síntome afortunada pola convivencia. Aquí en Tiruchy. Con Ambal e a súa sensibilidade, o seu humor, as súas citas de poesía. Con Manimekalai, a súa muller, que loita día a día, facéndo méritos inxentes cos mínimos recursos, sempre próxima e coa conversa interesante nos labios. Con Bobby, a segunda de abordo de PDI, independente e rebelde, amable e sensible. Coas traballadoras do proxecto. Coa comunidade da que me sinto parte. Síntome inmensamente afortunada.

Estou cansa pero con enerxías. Disposta a todo. Lista novamente para a loita diaria, para a loita contra tanta indiferencia, tanta comodidade, tanta fartura. Aló, do outro lado. Nunca sei moi ben se é o meu. Resúltame difícil a volta, xa agora. Pensar en todo o que queda para poder seguir sendo parte disto. Para crecer, para chegar a máis xente. Coñezo ben as dificultades. Os nosos inxentes esforzos en IND para mobilizar os fondos necesarios e sobre todo para mobilizar as persoas, que son o que marca o significado de todo isto. As persoas que contribúen cos seus cartos e co seu tempo a este cambio inmenso, a esta revolución enorme e que ten que pasar por forza polo noso esforzo.

Recordo as actividades de baixa asistencia, as escusas para non involucrarse, a falta de coherencia, a indiferencia. A miña tristeza aumenta. Pero o desánimo non é posible con tantas persoas no fondo da retina. Porque elas son o meu motor e a miña enerxía. Por iso sempre teño gana de máis.

Mañá marcho de Tiruchy para Chennai. De Chennai a Francfurt. De Francfurt a Madrid. De Madrid a Santiago. De Santiago a Vigo. Unha viaxe longa. Con tempo suficiente para desfacer os nós na gorxa. Con ganas de máis. En Tiruchy, tamén o fogar.


0/5 (0 votos)