Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PROPOSTA DE GREENPEACE

Guieiro para o "consumidor responsábel" de peixe

"Os consumidores saben moi pouco sobre o peixe que consomen, da súa orixe, da arte de pesca coa que se capturou, do impacto da actividade pesqueira sobre o medio ambiente", destacou este martes Sebastián Losada, coordinador da campaña de océanos de Greenpeace. Como chanzo necesario para que os cidadáns melloren os seus hábitos de consumo e contribúan a afrouxar a presión sobre os mares do planeta, o colectivo ecoloxista presenta esta nova campaña.

- 10:55 08/02/2005
Tags:

"Convidamos a facer unha reflexión: non podemos seguir tal e como promoven as campañas públicas, aumentando o noso consumo de peixe e permanecer á marxe do impacto deste aumento sobre os océanos en todo o planeta e sobre os millóns de persoas que dependen do peixe para alimentarse nalgunhas das zonas máis pobres do mundo", subliñou o director de Greenpeace España, Juan López de Uralde.

A guía que presentan os ecoloxistas define cinco criterios básicos para o consumo "responsábel" de produtos chegados do mar: "aproveitar ben o peixe; rexeitar os inmaduros; consumir productos próximos; escoller cando sexa posíbel o peixe capturado con métodos selectivos e consumir productos de pesca antes ca da acuicultura", propoñen.

"É unha primeira achega ao problema do consumo nun contexto coma o actual, onde é preciso actuar para recuperar os mares", engadiu Losada. O guieiro fala tamén do etiquetado, das artes pesqueiras e explica como saber se o peixe é fresco, facendo repaso polas especies máis comúns nas tendas: pescada, bacallau, sardiña, atún, salmón, calamar, peixe sapo, linguado...

Greenpeace destaca que a pesca artesanal é "a que mellor se adapta a unha explotación sustentábel do medio mariño" e pide que a administración se comprometa co apoio "activo" a este sector.


Ligazóns

0/5 (0 votos)