Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TDT EN GALIZA

A Xunta pedirá máis programas de TDT de ámbito autonómico

O Consello da Xunta estudou hoxe un informe no que se solicita aumentar o número de programas públicos e privados de televisión dixital terrestre. O actual plano técnico só prevé que haxa unha única canle múltiple con catro programas de frecuencia única. Dous deles xa están reservados para a TVG e os outros dous deberán saír a concurso nos próximos meses. Sen embargo o que pide agora a Xunta é que se lle dea a Galiza outro múltiplex con capacidade para catro cadeas privadas máis de ámbito autonómico e tamén que haxa unha canle múltiple por provincia que lle permita facer desconexións territoriais á TVG e a alomenos dúas das privadas.

- 07:51 18/02/2005
Tags:

Para facérmonos unha idea debemos comprender primeiro que un 'múltiplex' ou 'canle múltiple' ten capacidade para leva-lo sinal de catro cadeas de televisión. Por iso se os desexos da Xunta se cumpren Galiza tería 4 cadeas de televisión privada autonómica sen posibilidade de desconexións territoriais e outras 2 tamén privadas con capacidade para facer dúas desconexións en cada provincia. En total, 6 cadeas privadas en vez das dúas que prevé o Plan Técnico actual.

A TVG tamén se vería beneficiada deste incremento de canles múltiples. Na actualidade posúe 2, unha para as emisións convencionais e outra que moi posiblemente se cubra coa tan mentada segunda canle. Coa proposta da Xunta a canle autonómica podería dispor ademáis de frecuencias en cada provincia que lle permitirían emitir tamén en dixital os informativos e a publicidade local que hoxe só chega aos fogares en analóxico.

Pero a Xunta tamén quere aumenta-lo panorama radiofónico. Así, tamén lle solicitará ao Ministerio de Industria que contemple no futuro plan técnico da FM a reserva de espectro para que poida haber 140 novas emisoras. Destas, 46 serían para a Radio Galega e as outras 94 para sacar a concurso entre as empresas privadas no ámbito local. Así estímase que Galiza chegaría a 191 emisoras de FM privadas. A esta cantidade habería que sumarlles as 108 dixitais (6 por cada unha das 18 demarcacións coas que conta Galiza) e outras 6 de ámbito autonómico. Pero para que chegue a radio dixital aínda haberá que convocar os concursos pertinentes.


5/5 (1 votos)