Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
COGADER INFORMARÁ Á FISCALÍA ANTICORRUPCIÓN

Denuncian irregularidades na concesión de aproveitamentos hidroeléctricos

A Coordenadora Galega para a Defensa dos Ríos (COGADER), formada por organizacións ecoloxistas, plataformas veciñais, sindicatos, asociacións de pescadores e outras entidades preocupadas polos ríos, detectou irregularidades na concesión de aproveitamentos hidroeléctricos que afectan a numerosos espazos naturais da Rede Natura 2000, coma por exemplo o sistema fluvial Ulla-Deza e os sobreirais do río Arnego. COGADER anunciou a súa intención de trasladar á Fiscalía Anticorrupción a documentación da que dispón en relación coa tramitación e adxudicación por parte de Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, de numerosas concesións a diversas empresas, como Energías del Deza, detrás das cales está a mesma persoa.

- 15:04 16/06/2005
Tags:

As empresas detrás das que está esta persoa ven tramitadas as súas concesións rapidamente. Outros expedientes que afectaban ás mesmas zonas polas que se interesa "o conseguidor" foron resolvidos desfavorabelmente para outras empresas.

Segundo COGADER, "existe unha falta clara de transparencia na tramitación das concesións, falta de expedientes de valoración de impacto ambiental, ocultación de información e prazos fóra do habitual, tramitándose os mesmos a máis velocidade que o resto. Existe tamén unha vulneración da lexislación ambiental, pois os estudos ambientais eluden valorar os posibles impactos reais, non existindo por exemplo impactos catalogados coma severos e críticos nestes espazos. Cómpre recordar que estes espazos recentemente foron incluídos na Rede Natura 2000 e, polo tanto, están suxeitos á protección máxima que lle confire o artigo seis da Directiva Hábitats".

De acordo con COGADER, "hai evidencias bastante fundamentadas que fan pensar seriamente que este trato de favor non se debe a unha situación circunstancial. Confirmouse unha especial predisposición e sintonía por parte de Augas de Galicia a favorecer a estas sociedades".

COGADER empraza "ao presidente de Augas de Galicia, que á súa vez é Secretario Xeral da Consellería de Medio Ambiente, a que explique publicamente que está a suceder con estas irregulares e precipitadas concesións".

Tramitacións en tempo récord

As tramitacións que teñen a ver co "señor das minicentrais" fanse en tempo récord. COGADER dá os seguintes exemplos:

-Hidroeléctrica de Ourol SL. Centrais no río Landro, das Balsadas e Xestosa, que, segundo o Consello de Contas, contou con concesións irregulares.

-Hidroeléctrica del río Arnoya SL. Dous aproveitamentos concedidos en extrañas circunstancias, segundo o Consello de Contas, no río Corzán e no Xallas.

-Ecoener SL. Aproveitamento hidroeléctrico no río Soldón e Vilarmel, Salto de Val da Cova, na Serra do Courel (Folgoso do Courel). Outros aproveitamentos hidroeléctricos solicitados na mesma zona foron resoltos negativamente pola Confederación Hidrográfica do Norte.

-Desarrollo Energético de A Lama SL. Central Hidroeléctrica no Río Xesta (A Lama). En setembro de 2000, a Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura informa que o aproveitamento sitúase nun ámbito atractivo para a práctica turística. En febreiro de 2002, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación ambiental da Consellería de Medio Ambiente informa que o proxecto construtivo presenta modificacións a respecto do proxecto inicial.

-Ecoener e Compañía Gallega de Minicentrais S.A. (esta última absorbida por Hidroeléctricas de Arnoia). Figura como administrador das dúas compañías, promovendo as dúas unha concesión para un aproveitamento hidroeléctrico no río Tronceda (Mondoñedo), empresas que posteriormente cederon os seus dereitos no expediente á Sociedade Española de Generación Eléctrica-Segel, SL, considerándose por tanto a única peticionaria.

Os casos do Ulla e o Deza

COGADER afirma que "na actualidade, varios expedientes de solicitude de concesión resultan moi sospeitosos pola celeridade coa que se están a tramitar e o número de peticións realizadas dende finais de abril de 2005". É o que acontece con proxectos que afectan aos ríos Ulla e ao seu afluente o Deza.

Energías del Deza presentou solicitudes para tres aproveitamentos que deteriorarían o espazo da Rede Natura 2000 "Sistema Fluvial Ulla-Deza". Ademais, pedíronse un total de 11 aproveitamentos por parte doutros catro peticionarios. Un deles acaba de desistir da súa petición. No río Ulla "Energías del Deza" solicitou a minicentral Salto da Peña.

Tamén parques eólicos

O "señor das minicentrais" tamén opta a concesións de parques eólicos, sendo conselleiro delegado de Energías del Ribeiro S.L e de Hidroeléctrica de Ourol, S.L, e administrador único de Eólicas da Mariña SL e Eólicas del Barbanza S.A. Dúas delas parecen involucradas na especulación de concesións.

En decembro do ano pasado, no xornal "La Voz de Galicia" puido lerse o seguinte titular: "A Xunta outorga parques eólicos a sociedades creadas dous meses antes. Ningunha destas novas empresas supera os 4.000 euros de capital social nin posúe experiencia no sector"


Documentos

Ligazóns

0/5 (0 votos)