Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A POLICÍA NON DESBOTA NOVAS DETENCIÓNS

A "Operación Castiñeira" continúa aberta

O delegado do goberno español en Galiza, Manuel Ameijeiras, asegurou que a chamada "operación castiñeira" non está pechada e non se debota que poidan producirse novas detencións de persoas relacionadas con organizacións independentistas. Ameijeiras explicou que existe "unha base para entender que o xuíz da Audiencia Nacional viu pertinente actuar contra estes grupos que teñen un marcado perfil antixurídico con connotacións de asociación ilícita e con feitos probados de atentados contra a orde pública, danos materiais, inxurias e outros temas que se van sustanciar con estes rexistros". Pola súa parte, o presidente da Xunta manifestou o seu "respecto" pola actuación da xustiza e o BNG, nun comunicado, considera "desproporcionada a aplicación dos aspectos máis estritos da lexislación antiterrorista ás persoas detidas onte en Galiza" e sinala tamén o seu "respecto" pola decisión do xuíz da Audiencia Nacional. Porén, o BNG entende "que a aparatosidade da acción despregada onte cría unha alarma social inxustificada, por excesiva, e mesmo serve para dar publicidade a expresións políticas que son residuais en Galiza".

- 17:08 15/11/2005
Tags:

Danos e alteración da orde pública, asociación ilícita e enaltecemento do terrorismo serían os delictos fundamentais que lles imputan aos dez detidos este luns, vencellados ao independentismo galego, a quen lle achacarían ademais delictos concretos por incendios en mobiliario urbano ou queima de bandeiras españolas. A media ducia de colectivos que fan uso do centro social do Pichel, rexistrado polas forzas de seguridade este luns en Compostela, achegáronlle aos medios un comunicado onde critican o "alarmismo e confusionismo" arredor da súa actividade. Ao tempo, o Movemento polos Dereitos Civís reprobou a "vulneración da presunción de inocencia das persoas detidas" e a "criminalización social dos movimentos sociais en que participan".

As detencións este luns en varias cidades galegas estarían directamente vencelladas ao fío da investigación aberto logo da detención o pasado verán de Ugio Caamaño e Xiana Rodríguez, para os que daquela se decretou prisión incondicional pola presunta colocación dun artefacto explosivo nun caixeiro de Caixa Galicia en Santiago de Compostela. Os detidos declararán este martes en Madrid na Dirección Xeral da Garda Civil e logo pasan a disposición do xulgado número 1 da Audiencia Nacional.

As forzas de seguridade vencellan aos agora detidos co contorno do Movemento de Liberación Nacional Vasco e atribúenlles contactos con grupos de Euscadi relacionados con accións de violencia na rúa. De xeito concreto, acúsanos de delitos coma destrozos de mobiliario urbano e inxurias á monarquía ou forzas policiais.

Desde o local da "Gentalha do Pichel", rexistrado este luns pola policía, veñen de remitir un comunicado asinado pola Associaçom Galega da Língua (Agal), Briga, Burla Negra, o Cineclube de Compostela, o colectivo ecoloxista Erva, Mulheres Nacionalistas Galegas e o xornal Novas da Galiza, que teñen feito uso das súas instalacións, e no que defenden que a Gentalha do Pichel é "un colectivo de carácter cultural que traballa pola defensa da lingua, pola recuperación da memoria histórica e polo coñecemento e respeito do medio natural que exercemos unha evidente función de carácter social no noso barrio apoiada nun capital de máis de 100 socios". Os colectivos denuncian os danos provocados ao centro social pola acción policial e advirten contra "a criminalización e satanización de todo tecido asociativo sexa cal fose a súa cor".

Na mesma liña, o Movemento polos Dereitos Civís advirte da "preocupante vulneración da presunción de inocencia das persoas detidas, que son apresentadas por instancias policiais, xudiciais e mediáticas como culpábeis dos xenéricos delitos que lles son imputados sen necesidade de xuízo, provocando un enorme dano persoal para os detidos e un efeito de criminalización social dos movimentos sociais en que participan".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: