A trama da novela é sinxela e eficaz. Lucas, un lizgairo mozo acabado de licenciar en xornalismo pola universidade de Compostela, decide abandonar Galicia, voar ata Nova York, e coñecer mundo para facerse un home feito e dereito. Alí, a súa vida enguedéllase nas redes dos amoríos más esperpénticos e hilarantes. Dende Laurita, o seu amor case platónico, inconsciente, ata Emily, Mi-Hee, Sun-Young, Claudita… configurando unha xeografía singular da diferente orografía amatoria. O amor é o motor da novela, anque máis ca amor habería que falar de sexo.
A novela está perfectamente argallada, cun argumento doado –polo retranqueiro– de seguir. Así que a lectura convértese nun camiño de rosas. Ademais usa unha lingua coloquial, sen excesos, que nos permite mergullarnos no texto sen apenas esforzo, xa que os achados cáusticos, agás para os lectores demasiado pusilánimes, tiran de nós como dúas hipnóticas tetas. Meixide móstrase como un gran recreador de escenas, xa que dispón dunha man perita para a recreación de diálogos, tratados cunha salgadeira graza. Moitos deles quedan gravados na memoria. Vén sendo o caso da revisión dun exame, o intento de escribir unha novela ambientada nunha perruquería (un dos males lingüísticos que aterra a todo creador), os esmendrellantes e intelixentes recitais de poesía ou as tolas noites compostelás. Non se serve dunha "fina ironía intelectual" senón do reflexo real, do humor cotián, zoupón, mais non exento de boa literatura. O humor, a grelada afouteza meixieira, anégao todo –velaquí o grande acerto. Tanto é así que, nun alarde de humildade, o autor introdúcese na novela para rirse incluso de si mesmo, da súa situación de escritor que non acaba de arrincar (aquí aparece Macías, o editor Positivas), dos celos por poetas ben parecidos e con éxito ( o Anxo Quintela de finais dos 90, o engaiolante Manuel Rivas). Ao mesmo tempo, sen reparos, aínda que non aparece Ana Kiro, dá un repaso festeiro sobre a nosa tradición musical, literaria, os nosos usos lingüísticos, as relacións paternais, etc... Todo un compendio de intimidades humanas peneiradas pola satírica visión dun escéptico.
Os alicerces d’O home inédito quedan maxistralmente apuntalados co uso da alternancia de capítulos breves e continuos saltos no tempo e o espazo, que a modo de contraposición dan luz sobre a delirante e absurda existencia de Lucas. De feito o inicio da novela atopámola na final, como desenlace, porque Meixide pretende crear un paradoxo, un xogo de oposicións, que se desatan nun fin sorprendente (non vale a pena que o revele), que deixa certo pouso de amarga resignación. Xa o dixo o meu avó: sempre se volve o primeiro ciscallo.
Eu gocei léndoa, motivo suficiente para recomendala. E pódese baixar de balde. Que máis queremos? Que tamén nos aproben unhas oposicións á Xunta?
descárgao de balde