Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MÁIS DE 70.000 MANIFESTANTES EN PESHAWAR, ONDE OS REFUXIADOS AFGÁNS SE UNEN Á PROTESTA

A 'crise das caricaturas' deixa mortos tamén en Paquistán

Máis de 70.000 persoas queimaron en Peshawar, no noroeste de Paquistán, outro restaurante de comida rápida, tres cines e unha sé da compañía norueguesa Telenor, no terceiro día de protestas contra as caricaturas de Mafomede. Un home de 25 anos e un neno de oito morreron, e máis de 50 persoas están sendo atendidas nos hospitais de campaña, segundo informa Al Iasira. As pistolas comezaron a escoitarse preto dun Kentucky Fried Chicken. Refuxiados afgáns uníronse á protesta de Peshawar, e os manifestantes seguen esixindo "acción contra os responsabeis". En Lahore, ao leste, un home de 30 anos morreu cando máis de mil estudantes se enfrontaban á policía na universidade de Punjab.

- 13:29 15/02/2006
Tags:

As deste mércores están sendo as protestas máis violentas das celebradas até o de agora en Paquistán contra a publicación das viñetas de Mafomede.

En Peshawar, no noroeste do país, os manifestantes prendéronlle lume a un KFC, tres cines e ducias de vehículos. A violencia comezou onda o Kentucky Fried Chicken. Un neno de oito anos morreu tras ser alcanzado por unha bala. A policía atribúe a morte a "disparos indiscriminados" dos manifestantes, mentres os participantes na protesta aseguran que o rapaz foi abatido por disparos da policía, cando tentaba alonxarse do balbordo. Un home de 25 faleceu tamén tras lle caer enriba un cableado eléctrico desprendido polos disparos.

A manifestación deste mércores foi convocada polo Movemento de Defensa da Dignidade do Profeta contra a publicación das caricaturas de Mafomede, difundidas no diario conservador danés Jyllands-Posten e volcadas despois nos medios europeos.

A outra protesta produciuse en Lahore, no leste do país, na Universidade de Punjab. Un home de 30 anos morreu nos enfrontamentos coa policía. Máis información na BBC.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: