Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Publicación Murguía

RSS de Publicación Murguía
Nº7-8/maio-decembro 2005

A Galiza de Ánxel Casal

Importantes pasos se teñen dado no relativo á recuperación da memoria da Galiza dos anos trinta. Un feito este que se deber de ter presente á hora de analizar a situación da historiografía galega. Ao igual que na Prehistoria ou a Idade Media e Moderna, a nosa historiografía amosa unha madurez importante no relativo aos estudos sobre a nosa Idade Contemporánea.

- 16:21 18/09/2006
Tags:

Nesta orde de cousas, sumámonos desde Murguía, Revista Galega de Historia aos traballos que teñen saído do prelo sobre a Galiza na II República, presentando no número duplo que estás a ler unha serie de traballos que aprofundan sobre o noso país no primeiro terzo do século pasado. Non é casual que quixéramos que fose Ánxel Casal o cerne dos textos que compoñen o presente número de Murguía, en canto que foi unha figura de grande importancia para o desenvolvemento normal do noso país, máxime no relativo ao terro cultural. E non é casual que o presente número fique baptizado como A Galiza de Ánxel Casal, en canto que nos sentimos partícipes do espírito que guía o ĎAno Casalí que o concello de Compostela celebra ao longo do corrente ano.

Así xorde o monográfico A Galiza de Ánxel Casal que nos remite, por unha banda, a un tempo histórico, ao longo do cal Casal até o seu asasinato no mes de agosto do 1936 traballou e, por outra banda, un proxecto político-ideolóxico de país no que o alma mater da imprenta Nós realizou un contributo decisivo. Adentrándonos nos conteúdos do presente número duplo, achamos como na sección Fontes inserimos dous documentos do Partido Galeguista, a organización á que pertenceu Casal desde os seus inicios, logo da súa militancia nas Irmandades da Fala. O primeiro é o documento fundacional, asinado en Pontevedra no mes de decembro do 1931 e o segundo, o programa de acción que se aprobou en asemblea nacional no ano 1933. Os dous son textos que nos aproximan ao proxecto político no que ficaba incardinado Ánxel Casal, xunto a Daniel Castelao, Alexandre Bóveda, Víctor Casas e un longo etcétera. Aliás, inserimos unha carta de Castelao a Rodolfo Prada escrita no á altura do 1938 e que nos fala da lembranza de Casal.

Na sección Investigación presentamos un traballo da investigadora da USC Nancy Pérez, a través do cal nos mergullamos na historia do nacionalismo alén terra desde o século XIX até o exilio sudamericano dos galeguistas nos anos sesenta. Logo, o profesor da UDC Carlos Velasco Souto introdúcenos de xeito maxistral e ameno na Galiza da II República, tirando conclusións ben substanciosas. Alfonso Mato, secretario do Seminario de Estudos Galegos, é o encargado de dar conta do percorrido biográfico de Ánxel Casal e o investigador Antom Santos é quen nos achega ás industrias culturais a respeito da construción da nosa identidade colectiva. Xosé Estévez, profesor da Universidade de Deusto, grande coñecedor e estudoso das alianzas entre vascos, cataláns e galegos, escribe sobre o pacto Galeuzca asinado no 1933 en Compostela; mentres que Héitor Picallo achéganos unha figura tan esquecida como interesante da nosa historia recente: Xohán Xesús González. Na parte final do apartado adicado á investigación, Encarna Otero, Carlos Méixome, Xosé Lois Vilar Pedreira e Jorge Guitián Castromil tratan nos seus textos sobre a represión na Galiza a partir da sublevación militar reaccionaria en xullo do 1936.

Na Entrevista conversamos con Isaac Díaz Pardo, pai de diversos proxectos desde hai décadas, contructor incansábel de empresas tan relevantes e meritorias como o Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro ou o Instituto Galego de Información (IGI).

En Lembranzas centramos a nosa atención en dous artigos do cerne deste monográfico, Ánxel Casal, e achegámonos no apartado Museos e Arquivos até a Fundación Castelao en Compostela, reseñando diversas obras en Lecturas, nomeadamente Un soldado da historia, da autoría de Valentín García Gómez, A represión franquista en Galicia, libro de actas do I Congreso da Memoria Histórica Democrática, celebrado en Narón no ano 2003 e os libros A fouce, o Hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno e Ánxel Casal (1895-1936), de Ernesto Vázquez Souza e Xosé María Dobarro, respectivamente.

Por último no noso percorrido pola rede de redes visitamos Memoria Histórica Democrática e Ediciós do Castro.

****

Murguía congratúlase da posta en marcha, para o vindeiro ano, da iniciativa da Consellaría de Cultura e canalizada a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural 2006, Ano da Memoria. A Revista Galega de Historia sumarase aos actos que se desenvolverán na lembranza da memoria dos e das demócratas (comunistas, nacionalistas, anarquistas, etc) que defenderon a legalidade republicana diante da sublevación militar reaccionario en xullo do 1936.

****

Murguía, Revista Galega de Historia súmase a iniciativa dos amigos e amigas do activo Instituto de Estudos Miñoranos para o nomeamento de Lois Tobío como fillo adoptivo do concello de Gondomar. Aliás, fixemos o propio a respeito da petición ao concello de Cuntis de lle dar ao novo Auditorio Municipal o nome de Xohán Xesús González.

Galiza, inverno do 2005


0/5 (0 votos)