Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
ENTREVISTA

Teresa Moure: "O mundo non se sostén como está, hai que poñelo patas arriba"

Tripando as agullas do reloxo para adiantarlle pola dereita, Teresa Moure, a escritora das mans con dermatite de ama de casa e sorriso cómplice responde sen autocensuras unha xeira de preguntas indiscretas para poñer o mundo patas arriba. Mentres escribe os seus próximos libros, corrixe as probas das traducións ao catalán e ao castelán do Premio Xerais, Herba Moura. Cunha actitude positiva cara á utopía, Moure espreme da vida ata a última pinga. Así, esta muller-árbore medra coa celeridade dos tempos sen renunciar a nada. Unha entrevista de Iolanda Martínez.

- 12:30 02/03/2006
Tags:

Na Xeira das Árbores, a idea que ten Lola de se decanta a situación, que idea tes do que é ser Teresa Moure?
Non teño ningunha idea do que é ser Teresa Moure. Cando me ergo polas mañás supoño que son outra pois hai cambios nas células. Así que teño que aprender ese día quén é Teresa Moure. Non é doado.

Hai unha literatura de mulleres?
Existe un punto de vista feminino na literatura. Non todas as mulleres que escriben o utilizan. O normal é utilizar o punto de vista masculino. Pois masculinos son maioría editor, receptor, lector, escritor... Mais cando a autora utiliza o punto de vista feminino é recoñecida como muller. Forma parte dunha minoría sexual. Aínda que as mulleres sexamos maioría na poboación. Acontece o que nas películas de Almodóvar cos caracteres: transexual, prostituta... sempre son minorías sociais. A muller na literatura engade o seu punto de vista alternativo.

Defíneste como feminista radical da diferenza con orientación cara ao Ecofeminismo. Como o entendes?
Como resultado dun proceso histórico, dunha situación de dominio, as mulleres desenvolveron uns valores diferentes aos do poder: cooperación, tenrura, palabra… Cando nun momento histórico a muller pide protagonismo non é un problema de valor. A muller vale tanto coma o home. Como resultado deste proceso histórico a muller está en disposición de poñer o mundo patas arriba, de mostrar a súa óptica alternativa. O feminismo é un discurso alternativo.

Non estou de acordo con esa tendencia a facer das mulleres individuos competitivos chatos. O feminismo da igualdade mira moito para ao sistema de representación laboral, político... e pouco para o sistema capitalista construído sobre valores mercantilistas. Ese feminismo só se pode dar nun lugar e momento históricos, nunha clase social, económica e cultural moi concretas.

Para min foi moi importante a decisión de ter fillos moi, moi nova e iso condicionou o resto da miña vida, pero non por iso son menos intelixente, menos activa ou menos feminista. Non me gusta nada que mentres os homes si poden aprender a compartir responsabilidades e facer tarefas domésticas, por exemplo, as mulleres se fagan yuppies.

A escrita ten un fin… Ti para que escribes?
Escribo para darme pracer. Chamáronme do Consello da Cultura Galega para falar sobre os premios, e fun alí a dicir que qué é iso de que os escritores teñen que ser máis importantes na sociedade ou son os electricistas máis importantes por facer o seu traballo. Hai neuroses que teñen que saír de dentro e coa escrita é máis doado. Escribo porque me gusta.

Liches o manifesto pola paz no Encontro Compostelán de ONG. Colaboras nalgunha?
Por suposto, con Adega, Greenpeace, Intermón e Amnistía Internacional, a última na que máis.

En Outro idioma é posible defendes o dereito á forma de estar no mundo que nos permite a lingua. Cal é a forma galega de estar no mundo?
Non lle poría adxectivos porque obriga a caer en tópicos. Un ten dereito a que non lle impoñan a forma de ver o mundo doutra lingua. A propia implica o que un pensaría que é unha posición neutral cara a un mundo.

"O que un pensaría neutral" porque coa linguaxe, segundo explicas, adéstrasenos.
Claro. Pero na lingua materna é cando un pode sentir que está dando voltas no inefable para expresalo. Por veces, as palabras pechan as portas pequenas. No vocabulario doutra lingua é máis difícil atopar.

Defendes o dereito a aprender as linguas nese ensaio premiado co Ramón Piñeiro 2005.
Dicir en Cataluña que un ten dereito a falar español é como dicir que ten dereito a non aprender catalán. Hai varias culpas diso: modelos de estado-nazón opresivos, tendencia ao inglés como privilexiado, uniformidade. E moita culpa é dos profesores de lingua, quen inculcan o ideal de corrección. Eu estou encantada de aprender a falar catalán ou ucraíno pero non a que me obriguen á corrección. O sistema educativo centrado no inglés non ten sentido. O normal é falar moitas linguas pero non con corrección absoluta.

Reivindicas o multilingüismo e a diversidade.
Iso é, saber un pouco de moitas linguas pero non os modelos de corrección.

Falando de varias linguas: tradúcente ao catalán. Como foi iso?
Si, La Campana. Chegoume a través de Xerais, a Editorial de Herba Moura, a oferta da editorial La Campana, pedíndome o consentimento. Herba Moura tamén sae traducida ao castelán en Lumen. Esa tradución fíxena eu.

En Herba Moura o patchwork componse de epístolas, diarios, poemas… Xa publicaches ensaio e novela. Non tes pensado publicar poesía?
Non, teño escritos poemas pero son para min. Paréceme un xénero máis íntimo.

Por que te doutoraches en lingüística?
Non teño ningunha vocación. Son lingüista absolutamente por casualidade. Das moitas cousas que teño vocación que agora que o penso son moi de mulleres… Por dicilo doutro xeito, entre as 750 profesións que me gustaría ter a de lingüista non está. Ante todo véxome como nai.

Que quererías ser?
Se hai unha disciplina académica que me guste é a filosofía. Pero a academia non me chama. Ser profesora de parvulario estaría ben. A min non me preguntaron o que quería facer. Son unha proletaria… tiña que sobrevivir. Estudei hispánicas porque me quedaba cerca da casa. Saquei boas notas sen ningunha vocación. Déronme unha bolsa de investigación e fixen a tese.

Sentinme moi contenta cando lin "a escritora Teresa Moure" por primeira vez, creo que foi en A Nosa Terra. Encantoume. Escribín sempre con moita dedicación. O meu profesor de filosofía criticaba canto escribía e eu tirábao. Teño algún artigo sobre o complemento directo e as linguas aborixes australianas que estou segura de que nunca lerán máis de cinco persoas que ten ata ritmo interno, é moi literario. Envorcaba alí unha enerxía que non lle correspondía. Na investigación escribir ben é un piropo, se ademais de demostrar a hipótese está ben escrito ten mérito. Na literatura escribir ben non é mérito senón o que se espera.
A miña tía Teresa Moure que me contaba contos de pequena, inventábaos sobre a marcha. Ela era escritora pero non o recoñecería porque había un problema de canal. Iso me pasaba a min. Agora podo escribir parágrafos malos pero son valorados como literatura, non é investigación.

O dos contos da túa tía lembroume o da Palabra das Fillas de Eva, onde a heroína é ela e o que choromica na torre é o príncipe. Invéntaslle os contos aos teus fillos ou leslle os clásicos?
Invento os contos. Dixo Ana María Matute que a literatura infantil actual da asco porque é politicamente correcta. Que o de que a carapuchiña vermella a come o lobo por desobedecer á súa nai todos sabemos o que significa.

Pensaches escribir contos infantís?
Iso si que sería cambiar o mundo. Cando oín a Ana María Matute entráronme ganas de escribir a min libros de contos.

Dis que te criaron os fillos e os alumnos.
Creo que as categorías establecidas (pai, fillo, alumno, profesor...) son falsas. As dúbidas dos alumnos pasan tan rápido á túa pel que pronto te fas escéptico. Pode ter que ver con iso que digo de que a Lingüística non me gusta. Está chea de furados e haberá que buscar outra cousa. Eu baixei á clase no primeiro ano de terceiro ciclo e todas as dúbidas que me presentaron aínda as teño hoxe.

Estás nomeada a outro premio. O de Novela Europea Casino de Santiago, que ten a particularidade de que o público tamén forma parte do xurado. Que opinas disto?
Paréceme moi democrático e moi bonito. Eu estou lendo as novelas dos outros nomeados por se me deixan votar. Eu non me voto a min mesma, iso só o fan os políticos.

Defíneste como muller-árbore ou xardín húmido. Semella unha aporía sendo tan cosmopolita como es.
A min encantaríame que me plantaran en moitos xardíns. Gustaríame moito viaxar ás Illas Mauricio, Mauritania, Nova Iorque, Papúa-Nova Guinea pero estou plantada aquí. Ademais, facer turismo non garante o cosmopolitismo.

Viaxaches aos escenarios de Herba Moura?
Para facer Herba Moura merquei catro guías de Estocolmo e estudei moito como fora a cidade no pasado cun libro do século XVII que atopei en Fonseca. Teño moitas ganas de ir para ver se é parecido. Nun vídeo promocional non vin a ponte e preocupeime.

Tampouco estiven en Amsterdam. En Pontedeume si, pero poucas veces. Non podo definirme como viaxada pero é meramente casual. Non tería problemas de adaptación, levaría aos nenos de equipaxe.

Compatibilizar a esfera pública e privada cústache moito?
Si é moi difícil. E ademais eu son unha feminista que non fai explotación da muller pola muller. Antes de vir á entrevista fixen unha hora de limpeza, tocaba fregar as escaleiras. Algo que non soporto das feministas da igualdade é que teñen grandes postos de traballo e servizo doméstico. Aínda sendo unha cirurxiá que non pode levar os fillos á escola porque ten que operar non acepto que lle pague a outra muller para que llos leve. E quen leva os fillos desa outra muller á escola? Coido que é moi importante a ética dos coidados e compartir responsabilidades. As baixas por maternidade para homes son unha falacia. Que é iso de que teñen o mesmo dereito que a nai? Quen pariu é a muller. Quen ten que repoñerse e aprender a querer ao fillo, e aceptalo é a nai.

Eu teño tres fillos pero non tiven tres baixas por maternidade porque co primeiro aínda estaba estudando. Pero cando volvín ao traballo (a facer a tese ou á dar clase) o mundo pasara. Parecía que nesas semanas o mundo cambiara. Unha vez que a rede entrara na facultade e eu pasara de ser a avanzadilla, de ir ao centro de supercomputación, aí ao lado, a non ter nin idea de como funcionaba o novo sistema. Cada profesor tiña un cabo no ordenador e eu non sabía para nada de que ía aquilo. A sensación de descolocación era moi forte. Pero eu prefiro descolocarme no traballo que cos nenos. Que ao fin e ao cabo saíronme de dentro e o traballo puxéronmo fóra.

Existen varias mulleres, non a muller e eu non exploto a outra muller para mostrar a miña competitividade. Non hai porque ser nai para ser muller pero, de selo, para min é o importante.

Reivindicas unha nova arte, nova política, nova literatura... Un novo todo.
O mundo non se sostén como está. Hai que poñelo patas arriba a ver se vai mellor. Investir a posición. Nese sentido gústame moito o subcomandante Marcos. Cando algo non funciona, darlle a volta é unha solución moi de ama de casa.

Estás orgullosa da túa dermatite de ama de casa, pósllela as túas personaxes.
É outra consecuencia da non explotación. Saíronme os cortes de lavar os cueiros. Unha loita ecolóxica das miñas. Decidinme cando lin que os cueiros que se utilizan na área metropolitana de Barcelona taparían a estatua de Colón cada dous días se se tirasen alí. Merquei por Internet uns cueiros canadenses que son máis cómodos que os de gasas que había aquí. E para deixarlle os nenos a alguén ou para a gardería van mellor. De tanto lavalos e secalos, que aquí en Compostela non é doado, puxéronseme así as mans.

Lembro que na presentación de Herba Moura, Dolores Vilavedra dixo que nas miñas novelas as mulleres están obsesionadas coas mans. Naquel momento mireille para as súas. Eu aquel día tíñaas imposibles.

Unha enfermidade infantil deitoute na cama e fíxote amante de libros e mimos, coma a Frida Kahlo (salvo o da enfermidade, o dela foi un accidente).
Si, soe pasar que os encamados lean ou... Na miña casa daquela non había libros, ao estar enferma trátante moi ben, e empezaron a mercalos para min, os de Enid Blyton. A miña tía era mestra de escola unitaria e tiña uns libros antiquísimos que cheiraban a humidade. Que agora que o penso non debería ser moi normal que tivese tantos libros da escola. Bo, o caso é que pasei moi rápido á literatura de adultos.

Podes enumerar influenzas literarias?
Non sabería dicir quen me influíu. Gústanme cousas moi diferentes. Nos pensadores é máis doado saber quen me inflúe, como Vandana Shiva... A literatura é máis paixonal. Hai autores que me gusta como constrúen o relato, como Thomas Mann pero son consciente de que non estou atenta. E outros autores dos que me quedan as palabras na boca e as digo sen decatarme.

Os teus escritos son de tese.
Teñen moita filosofía detrás. Non me esquezo. Non son divertimentos, todo unha trapallada. Cárganseme cando comezo a escribir. Non vivo a vida ao pasar. Se me inflúe a ecoloxía para poñerme a lavar cueiros tamén cando escribo literatura.

Ecoloxista, vexetariana, multiculturalista, anticapitalista, antiglobalización... e gustas da coherencia. ¿É doado neste sistema ser coherente con estes principios?
Non son unha integrista. Os que non se atreven a facer nada critican aos que se atreven a cambiar o mundo. Unha vez descualificáronme por levar zapatos de coiro. O que un come non ten que ver co que leva nos pes (as curtidoras pechan en Galiza, non é un negocio). Fago revisión de valores éticos para sentirme ben. Pero non pretendo ser adalide de nada. Os meus valores van na mesma dirección. Se me invitan nun sitio a comer carne e non teño confianza síntome apurada e non desairo a ninguén, ao fin ese animal xa está morto. Para min as ideas non valen en abstracto. Procuro camiñar cando podo e cando teño que coller o coche non me preocupo das guerras do petróleo.

Reivindicas que cadaquén sexa responsable, que aínda que os gobernantes fosen nobres non abondaría, aínda que estaría moi ben.
Penso que habería que avanzar na democracia participativa e de base. A vida pública, saír á rúa, sería política. É un modelo alternativo. Esixe rachar co que hai: ver televisión e consumir nos centros comerciais: paréceme horrible. Eu nunca vexo a televisión.

Dis que o 2005 dos premios non é máis importante ca ter un fillo ou un cuarto propio ao Virginia Wolf. Cando tiveches o teu primeiro cuarto propio?
Si, non me sinto moi identificada con ese gran ano de premios. Hai un ano que teño cuarto propio.

Que estás escribindo agora?
Teño un problema: teño tal cantidade de actividades que non me deixan tempo. Sempre escribo simultaneamente dúas cousas a un tempo. É como un tema que me ronda e non podo deixalo. Será algo como o dos compositores de música que escriben a partitura e a letra da canción. Estou escribindo unha novela e un ensaio.


2/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: