Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A INICIATIVA DO BNG

O Parlamento respalda a declaración de Monumento Natural para os Penedos de Traba

A blindaxe dos Penedos de Traba (Laxe), Pasarela e Braño (Vimianzo) xa está máis clara. O Parlamento galego aprobou por unanimidade este mércores a proposición non de lei do BNG, que defendeu a apertura inmediata do expediente que os declare Monumento Natural e a necesidade de adoptar, entrementres, "cantas medidas preventivas sexan necesarias para manter a súa integridade e a do seu contorno". O parlamentario nacionalista Carlos Aymerich fixo fincapé nesta última proposición, pois en xullo de 2005 o PP aínda aprobou a declaración de impacto ambiental dunha nova canteira.

- 18:52 16/03/2006
Tags:

"Cremos que a declaración de monumento natural impedirá que se consume a barbarie", dixo Carlos Aymerich, que remarcou que as implicacións políticas da concesión son "evidentes, xa que a empresa que pretende levala adiante pertence ao grupo Aurela, da familia de Cuíña".

Non foron estas as peores agresións institucionais que soportaron os Penedos de Traba, Pasarela e Braño, incluídos entre os 59 Lugares de Interese Comunitario da Rede Natura en Galiza. En 1999, a consellaría de Medio Ambiente enfrontouse ás asociacións ecoloxistas galegas na súa intención de autorizar unha canteira de granito en Pasarela.

O escritor Manuel Rivas escribira sobre os penedos de Pasarela, situados a uns catro quilómetros da liña de costa, que "para calquera ollo que non sexa simple depredador, esa paisaxe non necesita definición. Non hai en Europa unha paisaxe de beiramar semellante. Conservala non é só unha obriga de tipo cultural e ecolóxico. É un investimento de futuro".

Agora o futuro dos Penedos semella máis asegurado. Máis información no artigo do historiador Xosé María Lema.


0/5 (0 votos)