Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
O EQUIPO DE MAIOR MEMORIA COMPARTIDA EN EUROPA ESTARÁ NO CESGA

Finisterrae: un supercomputador ao servizo de desafíos científicos "impensábeis" deica agora

A mediados de 2007, o Centro de Supercomputación de Galiza acollerá un supercomputador cunhas características únicas a nivel europeo, existindo apenas un modelo semellante na sede da Nasa nos EUA. O Cesga, o Consello Superior de Investigacións Científicas, CSIC e as empresas HP e Intel colaboran para a instalación dunha infraestrutura informática que marcará un punto de inflexión na capacidade de darlle resposta a grandes retos científicos. Climatoloxía, nanotecnoloxía ou deseño de moléculas son algúns dos ámbitos que máis se beneficiarán dun proxecto que os seus promotores aseguran que será factor importante para o salto cualitativo da comunidade científica galega.

- 16:51 29/03/2006
Tags:

"Achegará unha potencia de cálculo e almacenaxe capaz de darlle resposta ás necesidades informáticas dos máis cobizosos retos científicos", asegurou o director do Cesga, Javier García Tobío. "Grazas a este proxecto, a nosa institución convértese nun centro de referencia a nivel europeo e mundial, fornecedor de computación de alto nivel e desde o que a comunidade científica internacional poderá desenvolver proxectos de moi alto interese tecnolóxico e científico". Tobío explicou a aposta por un sistema de "memoria compartida", especialmente axeitada para o desenvolvemento de traballos científicos arredor de tarefas que son "dificilmente particionábeis e que poderán acometerse máis axeitadamente a través deste sistema". "Imos reducir os tempos de execución das apliacións actuais e proxectar traballos que cos supercomputadores actuais a nivel estatal sería difícil acometer".

O director xeral de I+D+i, Salustiano Mato, destacou "o alto nivel de aproveitamento e a alta demanda de uso" que xa veñen tendo os recursos cos que conta o Cesga na actualidade, e gabando a traxectoria da institución, referiuse ao reforzo que esta iniciativa lle vai garantir coma "centro de excelencia" e ás novas oportunidades para "ampliar e intensificar a colaboración con outras institucións estatais e europeas". En igual sentido falou o conselleiro de Industria e Innovación, Fernando Blanco, que no peche do acto de presentación do proxecto salientou a vontade de "intensificar a colaboración e a compartición de coñecemento a prol de maiores oportunidades para o benestar social" e lembrou a aposta do bipartito pola I+D+i, cun incremento orzamentario do 40%: "son 130 millóns de euros en 2006, pero aínda non é abondo", laiouse Blanco. "Este Finis Terrae é o principio de novos mundos e coñecementos cara a un futuro que agardemos sexa moito mellor", concluíu.

Os detalles técnicos
Ocupará 140 metros cadrados e os seus compoñentes terán un peso de 33.500 kg. Para os máis entendidos: terá unha arquitectura de memoria compartida de máis de 19.000 GB; un sistema de almacenaxe xerárquico de 390.000 GB en disco e un Petabyte (=a un millón de GB) en libraría robotizada de cintas; 142 nodos con 16 núcleos de procesadores Intel e 128 GB de memoria cada un; dous nodos adicionais de 128 núcleos de procesadores cada un, destes un con 384 GB de memoria e outro con 1.024 GB. Ademais, traballará suportado por códigos baseados en software libre.

"Será un centro de referencia mundial", comentou o director xeral de Intel España, Jesús Maximoff, indicando que "cada vez máis mídese a un país no ámbito do desenvolvemento tecnolóxico pola súa capacidade de computación". No mesmo sentido, Santiago Cortés, presidente de HP España, opinou que empurrará "un salto de calidade na investigación galega e estatal".


0/5 (0 votos)