Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
AMPLÍAN O PRAZO DE RECEPCIÓN DE MAQUETAS

Queres tocar no Festival de Ortigueira?

A organización do Festival de Ortigueira vén de poñer en marcha o proceso de selección de maquetas para o Certame Runas 2006. Esta iniciativa, que botou a andar hai xa sete anos, aposta decididamente polas novas promesas da música de raíz. Así, as agrupacións cun máximo de dous discos no mercado teñen na cita folc unha oportunidade para darse a coñecer entre o gran público. As bandas que superen todos os procesos de selección recibirán un premio económico e axudas en concepto de desprazamento. Pero a cousa non queda aí. Ademais optarán a actuar no escenario principal do Festival Ortigueira na súa edición de 2007. Os interesados, poden enviar xa unha mostra dos seus traballos. A dirección artística do certame vén de ampliar o prazo -que inicialmente finalizaba o 24 de abril- ata o vindeiro 10 de maio.

- 12:57 25/04/2006
Tags:

Un ano máis o Escenario Runas do Festival Ortigueira eríxese en plataforma dende a que impulsar aos novos creadores da Península. Xa está en marcha o concurso de maquetas do que sairán os grupos encargados de poñerlle música ás tardes do certame folc en 2006. A dirección artística do Festival procura novos talentos e tendencias en España e tamén en Portugal, un mercado tradicionalmente esquecido que se convirte agora nun dos obxectivos da organización.

Entre as novidades do Runas 2006, cómpre salientar o número de formacións noveis seleccionadas, que se ampliarán ata oito -dúas máis que en anos anteriores-. Todas elas recibirán un premio en metálico e unha axuda en concepto de desprazamento. Pero para chegar ata o Escenario Runas os grupos deberán ter superado dous procesos de selección. Unha escolla inicial, entre as maquetas enviadas, a cargo da organización do Festival Ortigueira. A segunda fase, que dará a relación definitiva de grupos, recaerá nun xurado conformado por críticos musicais dos principais medios de comunicación españois e lusos.

As bandas elixidas poránlle música ás tardes do Festival Ortigueira dende o Escenario Runas. Alí, e por segundo ano consecutivo, o público asistente poderá elixir ao seu favorito para depararlle un premio aínda maior: saltar ao Escenario Principal do Festival na súa edición de 2007.

As formacións que desexen participar na iniciativa deberán ter entre 3 e 10 compoñentes e non poderán contar con máis de dous discos no mercado. Se estas interesado/a, envíalle a túa maqueta en cedé -cun mínimo de catro temas sendo alomenos un deles de composición propia- antes do 10 de maio á organización do Festival.


Documentos

0/5 (0 votos)