Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
REMATA SONS DA DIVERSIDADE

Marful, o último dos concertos das músicas do mundo no Auditorio

O venres 16 de xuño ás 21:00, o Auditorio de Galicia acolle o último dos concertos do ciclo Sons da Diversidade, na súa terceira edición: a voz de Ugia Pedreira, o clarinete de Pablo Pascual, a guitarra de Marcos Teira e o acordeón de Pedro Pascual poñen fin a un programa de concertos que trouxo a Compostela a mellor música dos Balcáns, con Goran Bregovic, a trova cubana da man de Pablo Milanés, e os instrumentos tradicionais do Mali e o Brasil, coa cora de Toumani Diabaté e o berimbao de Naná Vasconcelos, respectivamente. Agora, o máis novo da música galega, a recuperación que Marful fai de habaneras e pasodobres, despide Sons até o outono.

- 15:27 13/06/2006
Tags:

O obxectivo: recuperaren os twist, habaneras e pasodobres que se bailaban hai varias décadas no Café Moderno de Pontevedra ou nas festas da Franqueira, na Cañiza, revestíndoos de contemporaneidade. Para iso xuntáronse Ugia Pedreira, unha das voces máis coñecidas do panorama galego, que pasou por Chouteira, A Matraca Perversa, e, máis recentemente, Galegoz e Nordestin@s, ademais de xestionar o Conservatorio de Música Tradicional e Folc de Lalín; Marcos Teira, guitarrista da Psicofónica, que divide o seu talento entre Marful e Narf, e os irmáns Pascual.

Marful achéganos os ritmos que soaban nas vilas galegas, entre os anos 30 e 50, nos salóns de baile e nos cafés cantantes, que poderemos ver proxectados durante o concerto, para enchoupármonos ben do ambiente, grazas ás fotografías de Fernando Fuentes. Era unha época musical marcada polos ritmos de tradición americana que cohabitaban coa música popular e a canción melódica. Música elegante para unhas letras persoais e irónicas, feitas pola propia Ugia Pedreira e por escritores como Anxo Quintela, Ricardo Carvalho Calero, Olga Nogueira, Manolo Pipas ou o francés Jacques Prévert. Twist, tangos, habaneras e pasadobres conforman un particular universo, que vén da emigración, do leigado cultural heteroxéneo dos indianos.

Marful, con Ugia Pedreira á fronte e con Pedro Pascual (acordeón diatónico), Pablo Pascual (clarinete baixo) e Marcos Teira (guitarra), presentan neste 2006 o seu primeiro disco, cun proxecto que nos abre xanelas e contribúe ao enriquecemento da música actual do país. Con eles colaboran Luís Alberto Rodríguez (batería) e Xacobe Martínez (contrabaixo). no concerto, ademais, estarán presentes membros de Berrogüetto como o violinista Quim Farinha e a vocalista Guadi Galego, ademais da voz de Xabier Díaz, a colaboración, xa habitual, de Xacobe Martínez co contrabaixo e Luís Alberto Rodríguez á batería (os dous membros de Sumrrá), e a presenza de bailaríns como Henrique Peón, de Xacarandaina, Mercé de Rande e Sergio Cobos.

A entrada custa 15 €, 7,5 para estudantes e persoas xubiladas ou en situación de desemprego, e pódense obter no Auditorio de Galicia, a véspera (12:00 a 14:00 e 17:00 a 20:00) e media hora antes do concerto. O día do espectáculo a posto de venda pecha ás 21:00. Os teléfonos son 981 571 026 e 981 573 979. tamén se poden ir facendo reservas por medio de Caixa Galicia (teléfono 902 43 44 43, ou a través da web).


0/5 (0 votos)