Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
DOMINIO GALEGO

A Asociación PuntoGal presentouse na Real Academia

O pasado sábado, as doce entidades promotoras do PuntoGal constituironse como asociación co obxectivo de conseguir para a lingua e a cultura de Galicia un dominio propio en internet. O martes, presentouse a asociación nun acto que se celebrou na sede da Real Academia Galega e no que o seu presidente, Manolo González, anunciou que "o PuntoGal será como o carné de identidade que identifique a Galicia en internet". González salientou que máis de 38 entidades representativas do país xa se adheriron á iniciativa, como primeiro paso "dun proceso aberto" no que se agarda contar "con moitas máis".

- 15:50 13/06/2006
Tags:

A Asociación PuntoGal presentouse esta mañá na sede da Real Academia Galega na Coruña. O seu presidente, Manolo González, destacou, entre os traballos previstos pola nova entidade, a súa "implicación directa na sociedade" do país para concienciala da importancia do proceso. Deste xeito, a Xunta Directiva promoverá encontros e reunións con responsábeis políticos e sociais nas próximas semanas. Igualmente, o PuntoGal estará presente en diversos eventos e actividades públicas de agora en adiante. Segundo González, o proceso de consecución do dominio "contribuirá a fomentar a autoestima dos valores de Galiza" e sinalou que para a asociación é fundamental implicar á emigración no proxecto.

González salientou que máis de 38 entidades representativas do país xa se adheriron á iniciativa, como primeiro paso "dun proceso aberto" no que se agarda contar "con moitas máis". Entre as entidades figuran, a Asociación de Editores de Galicia, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Consello da Xuventude, a Mesa pola Normalización Lingüística, a CRTVG, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, o Consello da Cultura Galega, EMUGA, a Federación de Libreiros de Galicia, Nova Escola Galega, Ponte nas Ondas, Vieiros, AME, CESGA, o Consello da Avogacía Galega, Onda Nós ou as tres universidades galegas.

Tamén se conta co "apoio explícito" da dirección xeral de Promoción Industrial e para a Sociedade da Información. A súa responsábel, Helena Veiguela, asistiu de feito como convidada á Asemblea Constituínte do PuntoGal celebrada o pasado sábado no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela.

Camilo Regueiro, vicepresidente da asociación, fixo un repaso dos pasos previos á constitución da entidade, que comezou cos traballos da Promotora e que desembocaron na asemblea constituinte do pasado sábado. Regueiro lembrou a importancia da participación do maior número posible de entidades como mellor maneira para conseguir o dominio, que deberá ser presentado como candidatura diante da ICANN, a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers, o organismo internacional que os xestiona.

PuntoGal presentou un plan de traballo que inclúe a elaboración dun informe que xustifique a súa necesidade, doutro que avale a viabilidade económica do proxecto e dun terceiro, de carácter técnico, que demostre que a entidade que vai xestionar o .gal ten capacidade para facelo. Responsábeis da asociación manterán contactos coa iniciativa catalá do .cat, a única no mundo que ata a data conseguiu un dominio destas características.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: