Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
24 E 25 DE XULLO EN COMPOSTELA

The Homens, Ruxe Ruxe, Espido e Kepa Junquera, principais propostas musicais do Festigal

O Festigal chega este ano á súa 5ª edición cunha chea de propostas e un cartel sorprendente -máis pola forma que polo contido- que volve xuntar rock con folc, e o mellor da música galega coa lusófona, a vasca ou a catalana. O venres pasado a Fundación Galiza Sempre e Galiza nova, organizadores do Festigal, fixeron a presentación coa presenza de Guadi Galego e Guillermo Fernández, do dúo Espido. Como novidades, este ano hai por primeira vez un espazo dedicado ao jazz, con formato de café concerto. E os escritores Manuel Rivas e Suso de Toro presentarán as súas respectivas novelas. A cita, xa saben, o 24 e o 25 de xullo en Compostela.

- 09:28 03/07/2006
Tags:

Xa se pode consultar na web do Festigal boa parte da programación confirmada. Na parte musical, a noite do 24 actuarán The Homens e Ruxe-Ruxe pola parte galega, 08001 dende Barcelona, Manimal dende a Ilha de Vitória (Espírito Santo - Brasil), e DJ Floro, dende Madrid. O 25 será a quenda de Espido, Kepa Junquera e Mercado Negro, o último proxecto do cantante de Kussondulola (Portugal). Na páxina do festival pódense escoitar anacos da música destes artistas, a través da Radio Festigal.

Na Galería de Ideas a día de hoxe hai programados catro debates, cos títulos Un novo estatuto para a nación galega, Un ano de goberno na Xunta, Que se move en Latinoamérica? e Recuperarmos a memoria Histórica. A Galería das Letras estará unha ano máis inzada de actos literarios e presentacións, nas que destacan a da última novela de Manuel Rivas, Os libros arden mal, que estará nas tendas nos vindeiros días, e a de Suso de Toro, Home sen nome. Na Galería Audiovisual destaca a proxección de O alquimista, documental de IB Cinema sobre as relacións entre o réxime franquista e o naci alemán, e das microcurtas da Escola de Imaxe e Son da Coruña.

O programa complétase cos espazos de animación e de artesanía e asociacións, que mostrarán o seu traballo durante os dous días que dura o festival. Tamén se fará un acto de presentación da Asociación Punto Gal, apoiada polo Festigal, que este ano quixo engadirlle un matiz reivindicativo ao seu nome, poñendo no cartel o título de Festi.Gal.


0/5 (0 votos)