Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Xosé Henrique Rodríguez Peña: lembranza dun Patriota

O pasado domingo tras a sobremesa, soou o meu teléfono. A tristura e unha sensación de baleiro, inundou todo o meu ser. Pepe Peña falecera no hospital POVISA de Vigo tras unha curta pero virulenta enfermidade que o afastou de todos nós, de todos e todas os que sentíamos por el un agarimo especial.

- 12:22 18/08/2006
Tags:

Era Pepe unha persoa dialogante, un político de aguda intelixencia, un galego de pés a cabeza que sentía o noso País como poucos. Era Peña un político cunha visión da Nación máis aló do común. Alá quedaron os seus comezos, xa cando de novo foi elixido Secretario Xeral do Partido Galeguista ou cando asumiu a necesaria tarefa de afondar no artellamento dun partido centrista e nacionalista e se embarcou no proxecto de Coalición Galega, xunto con Pablo González Mariñas, Euloxio Gómez Franqueira e outros.

Foi sempre un político coherente, mesmo cando na procura dun mellor goberno para o País, esgazou de Coalición Galega e fundou o Partido Nacionalista Galego -posteriormente PNG-PG-, sendo logo Conselleiro de Pesca no Goberno tripartito PSdG-CG-PNG que presidiu Fernando González Laxe.

Os que coñecíamos a Rodríguez Peña e tivemos ademais a ocasión de traballar politicamente ao seu carón, sempre lembraremos a súa teima en buscar a unidade de acción do nacionalismo, primeiro ca posta en valor dun proxecto que para moitos de nós foi ilusionante, coma era Coalición Galega, e logo, nun intre en que o Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista xogábase moito, apostando pola unión do nacionalismo no BNG como fronte patriótica vertebradora do nacionalismo na Galiza.

Pepe Peña, sempre tivo no seu corazón e na súa mente a Galiza e sentía a necesidade de que a nosa Nación se dotara dun nacionalismo pragmático, que fose quen de xuntar tradición e modernidade e que engarzara co legado do Partido Galeguista de Castelao, Bóveda, Otero Pedraio e outros. En fin, que o País puidera dotarse dun nacionalismo semellante ao que representan Converxencia ou o Partido Nacionalista Vasco en Catalunya ou Euskadi, e que os sectores máis moderados da sociedade galega apostaran por un proxecto propio para Galiza e que as galegas e galegos foramos quen de autoorganizaramonos en forzas políticas propias.

Irmán Pepe, dende estas liñas só quero que alá onde estés, teñas presente que os teus irmáns continuaremos a loitar, se cabe con máis forza, por todo os teus anceios para a nosa Galiza.

En lembranza de Xosé Henrique Rodríguez Peña, liberal e patriota galego, gran arquitecto e mellor persoa. Descanse en Paz.


4,5/5 (6 votos)