Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DESDE ETIOPÍA 27

Inxustizas da xustiza

A unha das integrantes do grupo raptáronlle á filla co fin de casar con ela. Pero esta vez non foi como agardaba o raptor pois as mulleres do grupo foron á policía denunciar o caso e no canto de seguir a traxectoria tradicional de reconciliación a través do matrimonio houbo enfrontamento. O home foi detido. Mais as mulleres láianse de que o rapaz xa está en liberdade. A xustiza segue sendo cousa de homes en todas partes. María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento escribe para Vieiros desde Etiopía.

- 07:16 15/09/2006
Tags:

Máis auga nas portas
Con ou sen infernos eu sigo disposta a continuar co traballo. Por iso o luns saímos de camiño a Ataye, onde temos previsto reunirnos con grupos de mulleres e de mocidade. Desfacemos o camiño da ida, despedímonos de Mersa. Cando chegamos xa é de noite e na noite cae unha inmensa treboada que non nos deixa durmir. Os tronos semellan amplificados dentro do cuarto. A auga cae como un enorme trebón. O río de Ataye vai xa ao límite da súa capacidade. Ao seu arredor, a vila enteira.

Inxustizas da xustiza
Cómpre ir cedo ver as mulleres do grupo, logo teñen mercado. Chove e o meu corpo non responde como debera. Tento ignoralo o máis que podo. Concéntrome no que comentan. A unha das integrantes do grupo raptáronlle á filla co fin de casar con ela. Pero esta vez non foi como agardaba o raptor pois as mulleres do grupo foron á policía denunciar o caso e no canto de seguir a traxectoria tradicional de reconciliación a través do matrimonio houbo enfrontamento. O home foi detido. Mais as mulleres láianse de que o rapaz xa está en liberdade. A xustiza segue sendo cousa de homes en todas partes.

Ceder
Cando nos achegamos ao mercado eu xa me decato de que non podo seguir ignorando o meu corpo. Se cadra é o momento de ceder. Aman e Paco insisten en que volva a Addis. A Paco aínda non lle pasou o susto de verme como estiven, o pobre. Avaliamos o feito e o que queda sen facer. Comeza o triste camiño do regreso. Nunca me resulta fácil ceder.

Volta inesperada
En Addis visita ao hospital por urxencias e cita para unha ecografía. Zufan arranxou xa o hotel, tan eficaz coma sempre. As conversas co seguro médico fan albiscar un regreso acelerado. Os custos das probas e consultas, insignificantes para nós, significan cartos para quen non os ten. Todo pasa ás présas, as maletas, o billete, a despedida no aeroporto de Bole ás cinco da mañá, o caos absurdo de Londres, a chegada tarde, a perda do avión de conexión a Madrid e a Vigo en consecuencia, a reorganización da ruta con destino Santiago, a chegada a Madrid e cancelación do voo de Santiago que nos leva inesperadamente de volta a Vigo... iso si, sen as maletas de Paco. Na noite non podo crer aínda que estea en Vigo. O corpo reséntese sen límites. Despois de atopar a miña cama, o primeiro que vexo da cidade é o hospital. Resulta todo tan estraño que non sei moi ben onde me atopo. Sinto como se a frase tivese rematado sen o punto seguido que lle correspondía.

Hoxe, unha semana despois de regresar, co corpo aínda algo desfeito, saco o reloxo do peto da cazadora, coa correa rota, e comprobo que aínda segue a hora de Etiopía. Se cadra como o meu cerebro e o meu corazón. Preparado xa para coller un avión novamente o luns e dirixirme ao meu outro fogar, á India, porque hai outras persoas que agardan e outros traballos que sacar adiante. Se cadra, aló, tamén nos vemos. Sexa así ou non, facede saber que estades aí. Porque vos necesitamos.






Anteriores:


0/5 (0 votos)