Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O DÍA DESPOIS DO CATALUÑA-EUSCADI

Da crónica deportiva á pura navallada política

O de menos foi o resultado. As seleccións catalana e basca aproveitaron o encontro de onte para reinvidicar publicamente a súa oficialidade. O amigable, que acabou cun empate a dous goles, está facendo correr ríos de tinta nos medios de comunicación de todo o estado. Mentres que para certa prensa madrileña o visto no Nou Camp foi unha "vergoñenta" exaltación do "separatismo", para moitos cataláns e vascos trátase dun paso adiante no recoñecemento dos seus dereitos.

- 16:23 09/10/2006
Tags:

O xornal ultraliberal El Mundo levou á súa portada, a catro columnas, o partido entre Cataluña e Euscadi. Para o medio que dirixe Pedro J. Ramírez, o acontecido no Nou Camp foi unha multitudinaria exaltación do "separatismo" e subliña que nas bancadas se viron "pancartas proetarras". A preocupación chega a tanto que non dubidan en dedicarlle ao encontro amigable un editorial titulado "Catalunya e Euscadi levan ao céspede as cesións de Zapatero". Cousas parecidas pódense escoitar nas últimas horas en destacados medios radiofónicos.

O dito galego de que cada un fala da feira segundo lle vai nela non pode ser máis certo neste caso. Na prensa das dúas nacións periféricas as editoriais dos medios son ben diferentes, incluso aqueles xornais nada sospeitosos de apoiar as teses nacionalistas. Neste caso valoran a importancia dun choque deportivo moi especial. As dúas seleccións non se enfrotaban dende hai 35 anos e no caso da vasca era a primeira vez que saía a xogar fóra do seu país dende 1939.

O feito de que o encontro se xogara nunha data programada pola FIFA para partidos internacionais aumentou o interese. Horas antes de que comezase o partido, nos arredores do campo barcelonés houbo festa rachada. Ata o Nou Camp achegáronse 60.000 seareiros, dos cales 2.000 viñeron en buses dende Euscadi. O que máis molestou a algunha xente foi a presenza de escritos nos que se reclamaba a oficialidade das seleccions canda peticións de achegamento dos presos a cadeas vascas. O

Dende o Partido Popular chegaron as principais críticas pouco despois. Algúns destacados dirixentes non tardaron en culpar a Zapatero do acontecido. A presenza do lehendakaria Juan José Ibarrexte e do presidente da Generalitat, Pasqual Maragall, no palco de autoridades acaba coa paciencia dalgúns que consideran que xa se está a escenificar a "ruptura da patria común". Tamén proeu, e moito, que os xogadores vascos saltaran ao campo cunha faixa que pedía a oficialidade deste tipo de encontros.

Aínda así, as reaccións en Cataluña e Euscadi foron tamén diferentes segundo cada formación política. O candidato do PSC, José Montilla, aseguraba que había que axudar ás federacions para lograr este tipo de recoñecementos pero sinalou que non conviña mesturar a política co deporte. Dende CiU, Josep Antoni Durán i Leida, sinalaba que era mellor un Barcelona competindo na liga española ca unha selección recoñecida internacionalmente. O secretario xera de CiU dixo que o día que fose posible recoñcer este tipo de seleccións suporía que os equipos terían que xogar unha liga propia. Neste sentido, Durán i Lleida considera que isto non lle permitiría ao Barça unha dimensión como a actual. En cambio, Artur Mas insistía en que CiU ía defender sempre que a selección puidese competir internacionalmente. Os presidentes catalán e vasco manifestaron que agardaban ver algún día un partido así en competición oficial. A polémica xa se vía vir cando comezaron as cargas dialécticas contra o vídeo que anunciaba o encontro da selección catalana.


Ligazóns

0/5 (0 votos)