Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ENTREVISTA A DOVER

"Queremos soar en todas as partes, incluso nas vodas"

Aproveitando o lanzamento do último disco da banda madrileña Dover, "Follow the city lights", quixemos poñernos en contacto con Amparo Llanos, un dos dous alicerces do grupo. Malia o apertado da súa axenda promocional, puidemos parolar uns minutos con ela. Unha entrevista de Albert Tortajada para Vieiros.

- 12:45 11/11/2006
Tags:

Vieiros- A primeira pregunta é obrigada. En EMI fixeron moita promoción. A etiqueta de grupo alternativo quedou polo camiño. Como estades levando o impacto mediático con respecto á promoción de anteriores discos? ¿Como se leva o ver o voso video constantemente nas cadeas musicais?
Amparo Llanos- Xa pasaramos por isto. Tivemos unha época en que vendemos moitos discos e a promoción non era moi diferente disto que estamos vivindo. Entrevistas constantes e atender a infinidade de medios. Os nosos videos xa aparecían nas cadeas musicais, así que tampouco nos é estraño.

V.- Xa, pero a diferenza é que antes erades unha banda alternativa que conseguiu vender moitos discos e agora xa saídes lanzados. E os vosos videos gañaron o dereito de aparecer nalgunhas cadeas polo éxito do grupo. Agora puidemos ver o de "Let me out" acotío e en diversas cadeas, moito antes de que saíse á venda o disco.
A.LL.- Nese sentido, si. EMI ten unha maquinaria de promoción moi potente que nos beneficia á hora de promocionar o noso traballo.

V.- Estes dias, escoitei todos os vosos discos por orde cronolóxica, antes de comprar "Follow the city lights", o último. En todos hai unha evolución lóxica, pero neste o cambio é máis radical respecto ao anterior. O single "Let me out" paréceme un prodixio de adaptación dun estilo propio a uns tempos musicais moi diferentes aos de hai cinco ou seis anos. Sen dúbida é un temazo. Cal é o por que deste xiro cara a, digamos, un son mais sintético?
¿Onde, cando e quen decidide dar ese cambio tecnolóxico ás vosas composicións?
A.LL- A idea xorde en outubro de 2005, cando nos xuntamos no
local para compoñer os temas do novo disco. Pasara bastante tempo desde a última grabación, cando decidimos non poñer ningunha data para o novo disco. Simplemente poñernos a compoñer cando xurdise algo que nos apetecese facer. Tiñamos claro que queriamos comezar unha etapa nova. Facer unha canción das denominadas "de baile". Abonamos a imaxinación e saíu "Let me out". A partir de aí vimos que queriamos facer un traballo cunha clara tendencia "disco", cun aire moi distinto ao que fixeramos ata o momento.

V- "Do ya" será o novo single, sen dúbida. Outro tema moi bailábel. De feito, no disco hai cinco ou seis que están listos para romper pistas. Iso vai facer que se vos escoite en locais onde ata agora apenas se vos ouvira. Estades preparados para oírvos en discotecas, en bares de moda? Dígoo por que é onde, habitualmente, se adoitan escoitar todos os produtos das discográficas, moitos de dubidosa calidade musical. Sen citar nomes, estades preparados para compartir altofalantes con eles?
A.LL- Si. De feito é intencionado. Queremos soar en todas as partes onde se baile, inclusive en vodas. Xa compartimos escenario, ao longo da nosa carreira, con artistas do mais diverso, con estilos que non tiñan nada que ver co noso, pero sempre desde un profundo respecto polo seu traballo, así que soar nos mesmos locais vén ser parecido. Todo dependerá dos gustos do público.



V- Coa introdución das caixas de ritmo, o papel do batería queda un pouco esluído. No libreto do cd indícase que as programacións corren a cargo de Dover, sen mais especificacións. Como queda o papel de Jesús dentro do grupo?
A.LL.- Eu non creo que sexa así. Foi moi divertido velo bourar na batería dun xeito diferente. Fíxate no video. Só hai que adaptar a forma de tocar.

V- Quen manexará os teclados e as programacións en directo?
A.LL.- Estámolo estudando. Hai varias persoas no grupo capacitadas para lanzar ritmos e programacións. Obviamente, faremos algunhas probas antes de decidilo. Nese sentido, todos estamos aprendendo.

V- No plano persoal está claro que debes ter algún tipo de pacto co diaño. Parece que os anos non pasan. Polo menos por fóra. Cal é o teu segredo?
A.LL.- Sen dúbida, poder facer o que che gusta e vivir diso.

V.- Esta é unha opinión persoal. As letras parécenme mais superficiais que as de anteriores traballos. É por unha licenza en favor dunhas rimas mais fáciles ou simplemente non queriades contar historias profundas?
A.LL. - Tamén é premeditado. É unha especie de homenaxe á música disco. As letras das cancións disco adoitan ser sinxelas, boas de recordar e repetir. Iso é o que pretendiamos.

V - Imaxino que o sector mais guitarreiro dos fans de Dover se sentiron decepcionados. Foron moi duros coas críticas? ¿Que lles diriades?
A.LL.- Nada en especial. Do mesma xeito que nós respectamos os gustos da xente e que non tratamos de impoñer o noso criterio, gustaríanos que a xente respectase o noso traballo. Malia que o que fagamos non sexa do seu agrado.

V- Agora veñen os concertos, cando vos poderemos ver en directo en Galiza? ¿Como tendes programada a xira?
A.LL.- ¡Uf! aínda queda. Comezaremos a xira en febreiro. Mentres tanto, seguiremos promocionando o disco. Queremos darlle tempo á xente para que se familiarice con el.

Este é o sexto disco da carreira de Dover e significa unha ruptura total co son caracterítico da banda. Está claro que lle gustará máis aos fans de Cycle, Glamour to Kill ou Vitalic que aos doverianos de toda a vida. A evolución non é só imparábel é tamén é a miúdo unha demostración de intelixencia.


0/5 (0 votos)