Baixo o amparo do Tratado de Amizade entre España e Uruguai de 1870, un galego (Ferrol) foi elexido concellal do céntrico barrio de Cordón Norte, en Montevideo. "Miño" foi elexido polos seus veciños deste sector coñecido como "Nova Galicia" e convive con eles nestes últimos trece meses.
Baséandose no Tratado de Amizade do 1870 para as leis e no apoio ó Presidente Tabaré na práctica política, este activo galeguista ferrolán gosta lembrar as verbas que na investidura presidencial pronunciara desde a escalinata do Palacio Lexislativo (Montevideo): "A mirada na utopía, os pes na realidade".
Lémbranos esta frase a outra do noso Castelao cando dicia: "Os soños primeiro e as ideias dispóis, crean feitos hestóricos". (Sempre en Galiza, XXXII). E un feito histórico é a elección na cidade de Montevideo dun galego de nazón que traballou arreo nesa cidade polos galegos e polos seus veciños uruguaios.
Os países do cono sur de América teñen, fai xa ben anos, lexislación que permite a participación dos cidadáns extranxeiros na vida comunitaria. O tratado polo que "Miño" pode ser elexido Concellal representando un sector da cidade de Montevideo data do 1870. Mais este home soupo aproveitar ben o tempo nas súas tarefas a prol dos emigrantes galegos en Montevideo e Bos Aires.
Atendendo os temas de emigración e representando ós seus veciños o noso ferrolán integrouse, perfectamente, na vida política e cívica de Cordón Norte e de Montevideo. Dinamizadores dun barrio coñecido como "Nova Galicia" os nosos emigrantes aportaron unha importante contribución cultural reflectida, moitas vegadas, na lingua dos mesmos uruguaios.
A historia da cidade lembra a outros galegos que foron electos concellais mais neste caso o importante número de votos obtidos e o escaso tempo de residencia na zona destaca como un feito inusual na política uguruaia. Certamente compre lembrar tamén o troque importante de política gubernamental desde a chegada á Presidencia de Tabaré Vázquez, un representante da esquerda que leva moitos anos traballando pola cidadanía do seu país.
Seguindo o modelo de Tabaré este ferrolán, Xesús Gómez "Miño", salta desde o reino do posible cara a realidade. Diante as dificultades e crisis dos seus conveciños ten craro que debe atopar solucións e urxentes medidas de coidado. Atopar "sentido a pesar de todo" nas crises sociais que padeceron e padecen os países latinoamericanos é transformar en servicio as situacións humanas que, aparentemente, non teñan saída. Contar con homes e mulleres que engadan ó seu proxecto persoal de emigración a solidariedade cos seus veciños de acollida é un exemplo que debemos actualizar para a nosa Galiza que necesita, xa que logo, comprender a cotidianidade dos inmigrantes que chegan ó seu territorio.
Unha nota de Xosé Martínez-Romero Gandos