Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DÍA MUNDIAL DA LOITA CONTRA A SIDA: CASE 40 MILLÓNS DE AFECTADOS

A falta de acceso aos medicamentos, principal causa de aumento da sida

1 de decembro, día mundial da loita contra a sida. Son xa 39,5 millóns de enfermos do mundo, a meirande parte deles na África Subsahariana. Deles, 2,3 millóns son nenos. Nos últimos doce meses producíronse 4,3 millóns de novas infeccións. O principal atranco para combater a enfermidade é o difícil acceso dos países en vías de desenvolvemento aos medicamentos máis avanzados contra o VIH. Segundo cálculos da OIT, a falta de acceso aos antirretrovirais provocará que no ano 2010 o número de afectados aumente ata 45 millóns, e no 2020, ata 86 millóns. A organización calcula que facilitar o acceso a estas menciñas podería evitar un 14% das perdas laborais previstas nos vindeiros cinco anos.

- 13:21 01/12/2006
Tags:

Médicos Sin Fronteras insiste nunha campaña de concienciación ás institucións internacionais do problema do alto prezo dos tratamentos, en boa medida debido ao custo das patentes farmacéuticas. Os medicamentos máis novos e máis efectivos son tamén os máis caros, e a tendencia é que o seu prezo siga aumentando. O prezo dos fármacos é prohibitivo para os afectados de áreas en desenvolvemento fóra do continente africano.

A OIT tamén destaca, no informe VIH/sida e traballo: avaliación mundial, impacto en nenos e mozos, e respostas 2006, que a doenza é unha das principais causas de redución do crecemento económico e laboral dos países afectados, cun millón de empregos anuais de perda. A enfermidade ou a morte dos adultos provoca, asemade, o aumento do traballo infantil.

Diversas organizacións aproveitaron a xornada para entregarlles aos representantes políticos documentos nos que piden medidas para frear a expansión da pandemia. É o caso da Plataforma Sida y Desarrollo, que pediu no Congreso que se poñan en marcha políticas de saúde con medios suficientes. O manifesto elaborado pola rede de ONGs tamén pide que se compatibilice a loita contra a VIH/sida respectando os dereitos humanos, evitando a discriminación e permitindo o acceso universal aos tratamentos. En Galiza, o Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdade Esculca centra este ano as súas reclamacións na comunidade afectada pola doenza nos cárceres, pedindo que se integre a sanidade penitenciaria no Servizo Galego de Saúde e que se deixe de descontar das pensións non contributivas os gastos de manutención.

3.446 casos en Galiza En Galiza, segundo o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, entre 1984 e 2005 rexistráronse 3.446 casos de sida, dos que 85 se deron no último ano. A meirande parte das persoas afectadas residían na metade occidental do país. A provincia cunha taxa máis elevada é Pontevedra, con 1.493 casos por millón de habitantes, mentres que a menos afectada é Lugo, con 765. A Coruña (1.273) e Ourense (1.152) móvense nuns valores intermedios. Durante as dúas últimas décadas, a forma de contaxio máis habitual pasou de ser o consumo de drogas inxectadas (65% dos casos de media, 36% no 2005) á transmisión sexual heterosexual (un 20% durante os 20 anos, o 37% no 2005), ao tempo que aumentou a proporción de mulleres afectadas. A prevención e a concienciación social seguen a ser a principal arma para evitar que se siga reproducindo a epidemia.


0/5 (0 votos)






Locais:
GZ-Sete