O presidente do comité cidadán anti-Sida de Ourense, Afonso Cid, alerta de que as casas de acollida para enfermos poden pechar se non hai un apoio decidido da Xunta. Cid lembra que a atención a cada enfermo custa 89 euros ao día, mentres que as institucións só achegan 33. O director xeral de Acción Social, Bieito Seara, comprometeuse coas ONGs que xestionan estes centros a estudar unha saída ao problema.
En Galiza existen tres casas de acollida para enfermos de Sida en situación de exclusión social. Os centros están na Coruña (10 prazas); en Ourense (8); e Vigo (7). Os usuarios destes fogares carecen de familia ou dun fogar no que vivir. Moitos deles son presos que lograron a liberdade debido ao seu grave estado de saúde ou xente que leva moitos anos vivindo na rúa.
Os xestores destes centro pídenlle a Vicepresidencia e Benestar Social un esforzo para evitar un peche que deixaría na rúa aos enfermos. Demandan que o departamento autonómico negocie un "trato preferente" para que as ONGs poidan ter adiantos económicos das subvencións e que se supriman os gastos bancarios. O director xeral de Acción Social, Bieito Seara, recoñeceu o traballo destes colectivos e prometeu estudar todas as peticións. A mediados de mes volverá haber unha reunión entre as partes para intentar chegar a un acordo.