Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓNS: "Tendencias" e "Put Things In Order"

No Raval os tendais penduran vangardas artísticas

A febre consumista chama á porta. Coma sempre por estas datas comeza a gran carreira adquisitiva -a maratón mercadora- con meta no Nadal e nos Reis. El Corte Inglés ou Todo a Cen? No céntrico barrio do Raval esta inercia nadaleira maniféstase de múltiples maneiras, e son moitas as propostas que acompañan a visitantes e moradores. Entre elas atópanse as lúdicas alternativas oportunidades de La Xina Art ("Tendencias"), e tamén a suxestión cálida doméstica de Dani Bembibre ("Put Things In Order"). Cal é a túa tendencia? Vacínate contra o consumismo pasivo e compulsivo. Por Lito Caramés.

- 17:11 13/12/2006
Tags:

Daniel Bembibre, moi na liña deste mes de festas e celebracións, inclúe a súa creación fotográfica no interior dunha tenda do Raval (Comité, rúa Notariat, 8). Alí, entre vestidos discos, zapatos, bolsas e outros artigos do consumo máis convencional, o Dani parece encantado de colgar nas paredes as súas fotografías de gran formato. Fotografías e coxíns curiosos, traballos moi irónicos, como parte do programario do festival BAC 06. Por iso a proposta acae ben nese interior atípico (fóra-artístico) para unha exposición con tendais de roupa por compañeiros. As fotos recollen paisaxes e medios naturais nos que case sempre un cartel ou coxín con letras de gusto nórdico conforma o contrapunto ao bucolismo e/ou harmonía dos espazos. Un exemplo: o fermoso piano de cola, durmido silencioso disposto para ser agarimado por mans virtuosas, só ten a partitura dun almadraque oval perforado cosido para que os ocos sexan as letras da frase "Sorry for the noise" ("Perdón polo balbordo"; desculpas pola tradución).

Dani Bembibre chega de Helsinqui con obra madura e propostas moi atractivas. A orixinalidade e a boa factura -xa no resultado fotográfico, xa nos labores de corte e confección- están mesturadas para acadar a captación do medio vexetal, reelaborado coa axuda dese engadido téxtil. Outra proba. O bosque escuro frondoso espeso é captado na súa plenitude biolóxica pola instantánea que acolle a presenza dun coxín negro no que coseron letras brancas: "I want to go home". O berro mordaz na foresta, o humano inconformismo no bandullo do espazo natural virxe.

La Xina Art -galería autoxestionada, multicultural, audaz- continúa un ano máis a súa competencia particular con Hipermerc-art. Se o ano pasado a proposta era o Basar del Xino, onde a oferta de produtos artísticos (verdadeiros "ready-mades", herdeiros da estetoclastia de Marcel Duchamp) enchía as paredes da galería coas realizacións que parodiaban as tendas de Todo a Cen, esta vez as obras están colgadas para uso gozo e deleite de postmodernos veciños, okupas, paquis e greas do Raval. Penduradas baixo o título de "Tendencias". Colgadas e penduradas fisicamente. Non é un xogo lingüístico. O interior do espazo semella agora máis un patio de veciños dese populoso barrio -cruzado por cordas vestidas- que unha convencional "galería d'art del carrer Consell de Cent". Iso buscaban e iso conseguiron. Os fíos van e veñen polos teitos de La Xina Art deixando que o colosal tendal sexa o responsable da creación do bosque de pezas de tela, obras en papel, en cartón... Con iso, os trece buscan tender a súa "roupa colgada" con total franqueza aos ollos de clientes avezados consumidores de arte comedores de pizza que camiñan polas beirarrúas do Barrio Chino. O ambiente creado é extravertido, calquera rúa do Nápoles vello.

Quen vai montar o Belén? Por se non se sabe na Xina Art propoñen Montar o Cristo a partir duns crucificados que suxeitan o tendal con guantes de goma de fregar domésticos amarelos. A ironía anticonsumista percorre os tendais e párase nas fotos, decoración das camisetas, cabezas retalladas e demais motivos ornamentais.

A voráxine consumista acanea polo Raval? Quen o fai é a Arte Global. As ofertas son tan ou máis diversas que aquelas demandas que poden acadar os petos dos mortais, os apelidos da pléiade artística resultan multiétnicos transcontinentais, as influencias a esgalla. As Tendencias, todas. Dani Bembibre e os membros de La Xina Art regalan imaxinación venden rebeldía creadora.

EXPOSICIÓNS:

Put Things in Order, Daniel Bembibre
Comité
Notariat, 8 (O Raval)
Até o 30 de nadal.

Tendencias
La Xina Art
Dr. Dou, 4 (O Raval)
Até o 5 de xaneiro


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: