A banda deseñada galega segue a medrar na rede. An, de Vilagarcía, é o autor do recén nado blog Paxaradas, no que se contan as peripecias de todo tipo de aves, en xeral moi ligadas á actualidade. Estes retranqueiros debuxos, ademais, son bilingües, pois, á parte da versión galega -a orixinal-, teñen unha tradución ao castelán. An vénse sumar a outros exemplos de creación gráfica na internet como o xa veterano Homedareia, que saúda a entrada do ano cun zodíaco moi particular.
Por outro lado, o laboratorio galego de BD experimental Lab·Ou segue a presentar na rede os exercicios dos seus membros, que teiman en espremer a súa creatividade e en ascenderen na xerarquía do grupo. O último dos exercicios publicados é o palíndromo presentado por Covelow (Sergio Covelo), que chegou un par de días fóra do prazo marcado polo laboratorio. Aproveitando o cambio de ano, o blog de Lab·Ou aproveitou para renovar a súa imaxe.