Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ACORDO DO GOBERNO DA CIDADE CON EARTHLINK E GOOGLE

San Francisco terá cobertura de internet sen fíos integral e de balde

San Francisco será a primeira gran cidade dos Estados Unidos en ter unha cobertura integral e gratuíta de internet sen fíos. O Concello da cidade, presidido por Gavin Newsom, asinou o venres un convenio con EarthLink e Google para instalar e xestionar o servizo. Despois de sete meses de negociacións, o asunto pasará ás mans da cámara de representantes, que ten competencias para adiar ou mesmo desbotar o proxecto. Newsom asegurou que a dispoñibilidade universal e gratuíta da rede mellorará o acceso dos cidadáns á educación, os servizos sociais e as oportunidades económicas. Pero non todo o mundo está de acordo cos detalles do contrato.

- 10:02 08/01/2007
Tags:

Segundo o acordo, Google comprometeríase a fornecer un servizo de acceso á internet de balde cunha velocidade de transmisión de 300 kilobits por segundo, velocidade inferior á da banda larga pero suficiente para navegar e consultar o correo electrónico. Pola súa banda, EarthLink sería o posuidor da rede e ofrecería unha velocidade dun megabit por 21,95 dólares mensuais, algo menos de 18 euros. O contrato tamén contempla que EarthLink lle pague á cidade algo máis dun millón de dólares, nos que irían incluídos os custos de instalación das antenas, da adquisición de ordenadores e de cursos de formación.

Tamén se estabelecen unhas normas mínimas de respecto á intimidade dos usuarios e limitacións a compartir os datos persoais con terceiras partes. Malia isto, os usuarios que non queiran que EarthLink rastrexe o seu lugar de conexión á rede terano que solicitar expresamente. Por estes motivos, hai voces discordantes entre os representantes municipais. Algúns avogan por un servizo de internet sen fíos de titularidade pública, mentres que outros aseguran que o canon que cobrará o concello pola concesión é insignificante. O contrato, cuadrienal e prorrogábel até dúas veces, depende da aprobación da comisión de utilidade pública e dos permisos de varios departamentos. Non se sabe cando comezará a funcionar, aínda que EarthLink espera comezar a facer probas en canto se lle dea a luz verde ao contrato, e rematar de estender a rede en menos dun ano.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: