Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A TVE DESAPROVEITA O POTENCIAL DOS SEUS EMPREGADOS EN GALIZA

Corenta traballadores para realizaren un telexornal de media hora ao día

A redución das emisións en galego na TVE non é nada novo. Desde o pasado verán o ente público só realiza unha desconexión de media hora ao día para a emisión do telexornal das 14:00 horas. O descenso dun 75% das emisións en galego en La Primera e La 2 coincidiu co polémico plan de saneamento de TVE realizado pola SEPI. Aínda así, e malia que a sociedade quería reducir o número de traballadores das delegacións galegas de setenta a vinte, corenta persoas conservaron o seu posto de traballo. É por iso polo que desde o Comité de Empresa de TVE en Galicia asegúrase que se está a desaproveitar o potencial do cadro de persoal con só media hora de emisión ao día.

- 13:21 08/01/2007
Tags:

Na actualidade, os corenta traballadores das delegacións galegas da TVE só traballan no telexornal das 14:00. Segundo Xosé Sabel, presidente do Comité de Empresa do ente en Galiza, "estase a desaproveitar o potencial deste cadro de persoal. E é que antes estabamos 70 persoas para facer dúas horas de programación diaria, e agora con 40 traballadores só se produce a media hora do telexornal".

Sabel sinala que espera que coa chegada da nova dirección á TVE, e coa saída da SEPI da xestión, esta situación cambie xa que "o novo consello ten que se dar conta de que non ten sentido desaproveitar este potencial". O presidente do comité afirma que logo de loitar por conservar tantos postos de traballo en Galiza é necesario sacarlle partido a ese logro.

Até o verán do 2006 a TVE en Galiza realizaba de luns a sábado dúas horas de desconexión diaria. Unha dedicada aos telexornais, das 14 e as 20 horas, e outra na que os documentais e espazos de produción propia eran os protagonistas.

Os traballadores galegos do ente tamén sinalan que coa implantación da Televisión Dixital Terrestre poderíase ampliar a oferta en galego das canles públicas: "Pódense crear contidos para as diferentes canles da TVE na TDT ou incluso emitir en dual os programas oportunos" sinala Xosé Sabel. Aínda así, agora o que toca é "agardar a que se consolide a nova dirección e a que estuden as posibilidades do noso cadro de persoal".

A Mesa lembra a promesa do Goberno de favorecer o galego na TVE
En relación coa redución das horas de emisión propias na TVE, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, lembrou o compromiso do PSOE e do BNG no seu pacto de Goberno no que se apostaba por favorecer as desconexións en galego no ente público. Callón compara a situación galega coa que se vive en Cataluña, onde Radio4 aínda emite 24 horas en catalán.

O presidente da Mesa sinala ademais que non cre que se trate dunha cuestión de cartos: "Está claro que detrás desta redución das emisións agóchanse outros tipos de intereses ideolóxicos". Ademais asegura que "co que cobra a neta de Franco por cada programa de ‘Mira quien baila’ poderíase manter durante todo un ano unha ‘Radio4’ en galego".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: