Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VECIÑOS DE ARTEIXO PRESENTAN UN ESCRITO ESIXINDO A SÚA PARALIZACIÓN INMEDIATA

Denuncian que as obras na central térmica de Sabón carecen de licenza municipal

A central eléctrica de Sabón, situada na parroquia de Oseiro (Arteixo), está a acometer unhas obras nas súas instalacións dende o pasado verán. O mesmo está a facer a subestación de Rede Eléctrica de España, REE, situada ao seu carón, e que recibe a enerxía producida pola primeira para logo redistribuíla. Porén, ningunha das dúas actuacións conta coa correspondente licenza municipal. A Plataforma Veciñal de Oseiro, que leva unha década a loitar polo traslado das liñas de alta tensión do complexo lonxe das casas (de protección oficial), acaba de presentar un escrito no concello e nas Consellerías de Industria e de Política Territorial, esixindo a paralización inmediata das obras.

- 11:32 01/02/2007
Tags:

Na actualidade, a central eléctrica de Sabón aliméntase con fueloil, e apenas funciona varios días no ano, sobre todo no inverno, cando a demanda de electricidade aumenta. Tras a finalización das obras de adaptación ao ciclo combinado de gas, esta pasará a traballar continuamente todo o ano, co correspondente prexuízo para os veciños, que xa agora se queixan do excesivo ruído.

Luz López, representante da Plataforma de Oseiro, afirma que ese é outro proceso paralelo -nos vindeiros días van presentar alegacións ao informe de impacto ambiental- ao actual: "Hoxe (polo mércores) o que fixemos é denunciar oficialmente a ilegalidade, por outro lado obvia, das obras, xa que carecen de licenza municipal". Neste sentido, a Plataforma cualifica a actitude do concello de "desvergoña".

Porén, o obxectivo último é conseguir o traslado das liñas de alta tensión, algo polo que os veciños de Oseiro levan a pelexar abondo. "De conseguiren finalizar as obras, xa non haberá marcha atrás e as liñas ficarán onde están", sinala Luz López, quen lembra que hai pouco máis de catro anos, o Concello de Arteixo, a Xunta e Unión Fenosa comprometéronse ao traslado. "Firmaron un convenio polo cal a Xunta achegaba 800 millóns de pesetas e o concello buscaba uns novos terreos", comenta, "mais, este expirou o pasado 31 de decembro".

Dende a Plataforma están a tratar de lograr un compromiso da Consellería de Industria para que esta negocie directamente con REE -actual propietaria das liñas, e que nunca quixo asumir o convenio asinado por Unión Fenosa. Segundo declarou Luz López, esta xuntanza poderíase producir en vindeiras datas.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: