Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AS ENCROBAS, TRINTA ANOS DESPOIS

Ramón Muñiz: "A revolta das Encrobas foi o xermolo do nacionalismo actual"

O 15 de febreiro de 1977, os veciños e veciñas da parroquia cercedense das Encrobas enfrontáronse á Garda Civil. Negábanse a que a súa terra fose expropiada por Fenosa para a construción da central térmica de Meirama e a explotación dos xacementos de lignito. A que foi a maior revolta agraria da Transición en Galiza, segundo Ramón Muñiz de las Cuevas (daquela membro de Comisións Labregas e na actualidade da Irmandade Moncho Valcarce), asentou as bases do agrarismo e nacionalismo posteriores.

- 13:24 15/02/2007
Tags:

O Consello de Ministros franquista aprobara, en 1974, un decreto de expropiación que afectaba a 850 hectáreas. Pero os cartos que se lles ofrecían aos propietarios das terras eran moi poucos. "Entón creouse unha comisión de xente que non era das Encrobas, que organizou unha xuntanza para dicirlle á xente que pedise máis cartos, no 76. Pediron axuda ao crego de Sésamo, Moncho Valcarce, e unha serie de técnicos. Eu participei como sociólogo". Así o conta Ramón Muñiz, membro de Comisións Labregas naquel momento. "Comisións Labregas entramos en contacto con eles, e tiveron lugar as primeiras manifestacións, no 76". Houbo presos e detidos, intentos de trasladar á poboación... e a xente non vendía por catro pesos, quería que lle pagase polo que valía a terra. Neses momentos intensos, de mobilizacións, chegou a haber un morto" (un rapaz da Universidade Laboral da Coruña que morreu electrocutado ao tentar colgar un cartel nun tellado).

A estratexia de Comisións Labregas era concienciar aos labregos para resistir, e, sobre todo, facer que o problema repercutise en toda Galiza, "e non fose só unha cousa do agro, senón que tamén se estendese ás cidades". E tivo esa repercusión: viñeron medios de comunicación de todo o mundo, mesmo a televisión alemá, recibíronse cartas de apoio de universidades, de sindicatos, de técnicos... Todos os domingos convocábanse asembleas, e comezaron as mobilizacións. "Nunca tal se vira: non é só que se manifestase unha chea de xente, é que había persoas aplaudindo nas beirarrúas. Entón os labregos colleron afouteza e xa foi cando dixeron "no monte non entran", e se enfrontaron directamente á Garda Civil". As mulleres estaban en primeira liña, con paraugas, ferramentas como sachos, galletas ou calquera outro trebello do agro. "Entón, vendo que non había xeito de conter aquilo, empezaron a deter un por un: detiveron a Moncho e algúns dos labregos, e fixeron unha ocupación do monte... Ocupación simbólica, porque os labregos volveron. Fenosa estaba a desprestixiarse. O que aínda hoxe é vicepresidente, Honorato (López Isla) entendeu que, total, podían pagar o que os paisanos pedían e seguir gañando cartos eles ás mancheas, así que comezaron as negociacións".

A mobilización labrega, segundo Muñiz, prodúcese por cousas concretas, que afectan directamente, máis ca por conciencia nacionalista. "Pero ese concienciarse do campesiñado serviu para facer visíbel o que acontecía tamén nas cidades e noutros sectores sociais. Todo o que veu despois (as revoltas de Baldaio, Xove, As Enchousas) naceu nas Encrobas. O nacionalismo galego ten o seu xermolo nese fito". Foi un ano de auténtica efervescencia: "no 77 continuaba o franquismo sen Franco, eran os tempos da cota empresarial". Unha efervescencia que non se pode comparar ao momento presente: "da loita pola liberdade daqueles días pouco queda: daquela os medios eran outra cousa. Eran os tempos das crónicas de Manolo Rivas, das reportaxes de "La Voz"... Todos eran a apoiar aos labregos, e hoxe, a democracia apoia aos grupos empresariais. A loita que pode haber é institucional, polo voto nas eleccións".

A memoria de Moncho Valcarce
Moncho Valcarce era un referente de firmeza e de humildade para Ramón Muñiz e todas as persoas que foron compañeiras de loita. "El sempre afirmaba estar "ao servizo de", para que o utilizasen. Sempre apoiou aos máis febles, e estivo cos labregos dende o primeiro momento". Muñiz pon como exemplo un enfrontamento moi duro coa Garda Civil en Porto de Mouros, no que un grupo de veciños tentaba envorcar un coche. "Moncho estaba alí quedo, porque era de todo menos violento. E alguén por alí díxolle: "non lles dis nada?" e el respondeu "Se queren envorcar o coche, que o envorquen". A súa conciencia era esa, non andar a dicirlle á xente o que ten que facer. Era unha figura carismática, como un Basilio Álvarez dos nosos días. Se vivise hoxe, non sei o que faría".


4,75/5 (4 votos)