Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
RAMÓN VARELA, AUTOR DA INVESTIGACIÓN 'CONTAMINACIÓN ATMOSFÉRICA EN GALICIA'

"A térmica de Meirama contamina como dez centrais estadounidenses"

Este 15 de febreiro fanse trinta anos da revolta das Encrobas, e a día de hoxe aínda seguen a padecerse as consecuencias da creación de mina de lignito (recentemente puidemos coñecer o conflito na Lousa pola proximidade do carbón ás vivendas) e das emisións da central térmica de Meirama. Os efectos fanse notar no medio ambiente e na saúde das persoas que viven mesmo a varios quilómetros do foco emisor. Ramón Varela Díaz fala no documental A ceo aberto sobre as emisións de dióxido de carbono da central térmica. En Contaminación atmosférica en Galicia (A Coruña, Baía Edicións, 2004) recolle os índices e os efectos da emisión de gases contaminantes nos diferentes sectores industriais galegos.

- 19:31 16/02/2007
Tags:

As consecuencias da combustión do lignito son ben graves: unha mina de extracción non só perturba o hábitat, senón que require un enorme consumo de auga, e mesmo a construción de encoros para o seu mantemento (Vilagudín e S. Cosmade no caso de Meirama). Carrexa tamén a necesidade de tendidos eléctricos e transformadores, vertidos, residuos... E, o máis salientábel, as emisións da central eléctrica son altamente contaminantes: a choiva aceda provoca decoloración e necrose nos vexetais, coas perdas de produción e de cultivos que isto leva consigo, corroe materiais, afecta aos microorganismos do chan e provoca enfermidades cardiovasculares.

Como explica Ramón Varela, "os últimos datos do IGEI (Inventario de Gases de Efecto Invernadoiro 1990-2004) informan dunha emisión de CO2 (dióxido de carbono) de 4,8 millóns de toneladas dende a central de Meirama; de SO2 (dióxido de xofre), de 63.300 toneladas; de Nox (óxido de nitróxeno), 10.600 toneladas; e de partículas, 2.100 toneladas. Son datos oficiais que as empresas mandan ao goberno autonómico, e este valida antes de enviar ao goberno central", afirma. Os efectos son os seguintes: "no caso do CO2, é dos principais gases contaminantes causantes do efecto invernadoiro, e do quecemento global; o dióxido de xofre, pola súa banda, causa choiva aceda, con todas as súas consecuencias: nos cultivos, na carga de metais pesados na auga, e, dende logo, nas enfermidades. Ese gas convértese en ácido sulfúrico na atmosfera, e as persoas máis afectadas son as máis sensíbeis (como os nenos)".

Os efectos na saúde e nos cultivos
Da tose e irritación de gorxa e ollos, o dióxido de xofre pode pasar a intervir en todo o aparato respiratorio, afectando mesmo aos seus mecanismos de limpeza. Pode desencadear a aparición de bronquite, flegmas, sibilancias, dispnea ou broncocontrición en asmáticos. "Non deixa de ser curioso que nunha das comunidades con niveles de contaminación máis altos do Estado (Galiza emite un terzo do dióxido de xofre que bota todo o Estado á atmosfera) haxa tamén os niveis máis altos de enfermidades broncopulmonares: moitas persoas padecen de asma ou bronquite crónica. Non figuran as causas destas enfermidades, pero a propia OMS recoñece a repercusión da emisión de este tipo de gases no sistema respiratorio humano".

Os niveis de contaminación con respecto ao territorio e á poboación galega dan resultados como os seguintes: a emisión de dióxido de carbono en toneladas por habitante no 2000 (12,16) é a máis alta de Europa. E encanto á produción de dióxido de xofre, emítense 168,19 quilos por habitante, fronte aos 36,84 do Estado español e mesmo os 63 dos EUA. "Nas centrais térmicas dos EUA está prohibido empregar o combustíbel fósil que empregamos aquí, que ten dun 4 a un 6% de xofre. Meirama contamina como dez centrais térmicas dos EUA".

O dióxido de xofre, ademais, vive de 2 a 6 días no ambiente, pode desprazarse varios centos de quilómetros se o vento é favorábel, e provoca choiva aceda, coa consecuente acidificación do chan, defoliación e perdas de cultivos. "Como exemplo, no Val da Amahía, no que se cultivaban gran cantidade de cerdeiras, deixouse de dar a cereixa. É un dos froitos máis sensíbeis ao xofre, e xunto con ela desapareceron unha chea de especies. Sería de xustiza que o imposto que Meirama lle paga a Xunta por contaminación, uns 700 millóns anuais das antigas pesetas, (4,2 millóns de euros) revertesen na indemnización á xente que está afectada por esa contaminación no mundo agrario, xa non digo en canto a efectos sobre a saúde".


3.67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: