Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
CRÓNICA DE TRES DÍAS DE MÚSICA E HISTORIAS

Obrigadísimo, Quico&Narf

Había tempo que non vivía tan intensamente unha fin de semana, no que a cultura e espectáculos se refire. E se non consideramos cultura e espectáculo ao fútbol, había moitísimo tempo que non vivía tan intensamente unha fin de semana. Furafollas Agrupación Teatral, coa colaboración de Filoloxías Galega e Portuguesa da UB e mais do Centro Galego de Barcelona, tiña preparados tres días de actividade intensa e interesante, dándonos a oportunidade, en primeiro lugar, de voltar a disfrutar con Quico Cadaval, despois de demasiado tempo, e por outra banda de descubrir a un grande artista, músico e persoa, Fran Pérez, Narf. Por Alberte Fernández Montes.

- 22:35 15/02/2007
Tags:

O venres tarde, cando o reloxo da Universitat de Barcelona marcaba as menos dez, eu avanzaba de dúas en dúas as escaleiras do metro, nun acto kamikaze tendo en conta a miña vontade habitual do "poc a poc". Pero non quería perder nin un só segundo da actuación do mellor contacontos, perdón contador de historias. Isto de que é o mellor contador de historias non o digo eu, dicíanmo a min cando, entredentes admitía non ter visto nunca a Quico Cadaval. "Non o viches nunca, buah! É o mellor, o mellor...". Agora, despois de telo visto, escoitado e mexado de risa con él, comparto totalmente aquela opinión.

E cheguei a tempo, noutro xesto impropio de min. A actuación empezaba ás sete. Eu as menos cinco xa buscaba sitio onde me acubillar e poder presenciar do mellor xeito a actuación, a "master class" do da Ribeira. E sorprendentemente non me costou demasiado, as cousas como sexan. Nos cinco, seis e sete minutos que pasaron ata o inicio da actuación, a aula 111 da Universidade foise enchendo de maneira máis que xenerosa. Aínda unha vez comezada a actuación, seguiu entrando xente, feito que alteraba, para ben, o transcurso da mesma.

Informal, próximo, en conexión directa co público, na mirada, nos acenos, na voz. Todo iso creaba un ambiente cómodo, no que Quico se remexía de maneira perfecta, trasladando ao público as historias de mortos, de vivos, de mortos moi vivos, de vivos que parecen mortos...

Eu accedía a esta miña primeira vez co Quico, nervioso, excitado, con moita expectación, dalgún xeito con esa inquedanza que acompaña o ser humano en todas as primeiras veces. No meu caso esa sensación repetíuse nos días posteriores; sábado e domingo.

Fran Pérez, xa o vira, así de reollo na aula da Universidade, rindo como o que máis. O sábado rematei de descubrir quen era. Un músico tremendo, digo tremendo porque foi o primeiro adxectivo que me pasou pola cabeza ao velo tocar as primeiras notas. Non saberei moito de música, feito que devalúa un chisco esta crónica. Pero si sei o que un artista me dá, me fai sentir. Descubrín en Fran Pérez a un cantautor potente, vibrante, comprometido, cunha presenza escénica brutal. E de novo Quico Cadaval, nesta ocasión de traxe de chaqueta negro estilo "veraniego" cunha camisola negra onde se podía leer "CPBB, Cabaret Político Bonito y Barato."

O espectáculo que presentaron no Centro Galego, co título Obrigado, foi un agasallo para o público que encheu a Sala Ferrío como nunca antes a tiña visto eu. Non era só impresionante ver a cantidade de público que presenciou a actuación do sábado, senón que o era a mestura de xéneros dentro dese público. Como xa fixo referencia Fran, en vivo e en directo, era incrible ver a nenos, vellos, rapaces, gozando do mesmo xeito dos cantos e dos contos (así presentaba Quico a actuación) destes artistas. Narf agasallounos con temas tan emocionantes e de tanta forza como o "Quero ser tambor", outros algo máis eclécticos como o seu "Santiago". Pola súa banda, Quico contou entre outras, a historia de Papahostias, unha gata con lixeiros transtornos polo que acontecía no entorno familiar.

Tras a actuación do sábado moitas mulleres se achegaron a min, para, entre outras cousas decirme: "Isto, moito mellor que o Salsa Rosa". Os homes eran algo máis reticentes para admitir que o que viran era mellor que o fútbol. O público riu, emocionóuse, e gozou cunha actuación como había tempo. Deste xeito, moita desa xente repetiu o domingo.

O domingo estaba programado un concerto de Fran Pérez, Narf. E o concerto tivo lugar, efectivamente, só que entre medias, poidemos escoitar de novo unha historia de pailáns de barba espesa. Antes diso, Quico fixo un suculento repaso ao comportamento e o "vivir" dos coruñeses, facendo especial atención ao seu dialecto, definido por Cadaval como "coruño ou coruñento".

Tras eses tres días tan intensos, hai que dicir que marcharon contentos, e nada cansos, ao contrario, con ganas de volver, e ofrecernos de novo os seus cantos e contos. Esperemos non ter que esperar moito, pois cando se vive unha experiencia así o corpo e mais a mente piden máis, sónche así de caprichosos.

Só me queda dicir unha cousa, obrigado.

{Alberte Fernández, actor e membro de Furafollas Agrupación Teatral, integrante de Rede.cat}


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: