"Xa ía na hora", escribe o blogueiro Calidonia sobre a chegada do novo Vieiros. Alén da súa extensa análise, Calidonia mesmo inclúe unha proposta gráfica alternativa para a distribución de contidos na portada. "Mantén moitos dos seus elementos de identidade", comenta Ghanito en Apocalipse do Porco. Centos de correos con parabéns, críticas e recomendacións chegaron esta fin de semana á caixa de correo de Vieiros.
Deica esta semana vimos celebrando o Décimo Aniversario de Vieiros. En poucos días, o próximo sábado 24 de febreiro, cumpriremos un ano máis en internet. E son xa máis de dez facendo noticias sobre o mundo, desde Galiza e en galego, un traxecto onde fomos pioneiros en facer información en internet na nosa lingua e que levou a Vieiros a converterse no medio en galego máis lido.
Estreamos deseño, pero non só iso: o novo formato traerá moitas outras novidades. Neste camiño, gustaríanos contar coa vosa opinión, inquedanzas e recomendacións sobre o Vieiros beta que agora vos presentamos. De xeito progresivo Vieiros irá incorporando novas funcionalidades e prometemos que as achegas recibidas non caerán en cesto roto. Esperamos as vosas opinións e propostas.