Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PRAZO ESTÁ AVALADO POLO COLEXIO DE ENXEÑEIROS NAVAIS

O plan de Barreras para Astano poderíase ter activado en menos de medio ano

Se a SEPI aceptase privatizar Astano e vendelo a Barreras, o estaleiro de Vigo sería capaz de pór a funcionar o seu plan naval para Ferrolterra en menos de seis meses. Esta é unha das conclusións achegadas por varios membros do Colexio de enxeñeiros navais do Estado, no transcurso dunha Xornada en Compostela.

Redacción - 19:24 28/02/2007
Tags:
Blanco vai defender o plan este xoves en Bruxelas

Blanco vai defender o plan este xoves en Bruxelas

Este xoves, o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, afronta unha das xuntanzas máis decisivas para o futuro da comarca de Ferrolterra. Porén, na súa viaxe a Bruxelas non estará acompañado polo PSOE nin por IU, que o martes vetaron no Congreso dos Deputados de Madrid a posibilidade de que o estaleiro de Navantia-Fene (o antigo Astano) volva á construción civil de buques.

Co que si que viaxará Blanco é co proxecto do estaleiro privado Hijos de J. Barreras baixo o brazo. Un plan naval que a empresa dirixida por Francisco González Viñas presentou co aval da Xunta de Galicia e as dúas caixas galegas, para reactivar Astano e poñelo ao seu maior nivel de produción dos últimos vinte anos.

Funcionando en poucos meses
Segundo espuxeron varios expertos na materia, o plan de Barreras podería estar en marcha e funcionando en menos de medio ano. Nunha Xornada organizada esta semana en Compostela polo Seminario de Estudos Galegos, SEG, e o Colexio e Asociación de Enxeñeiros Navais e Oceánicos, Coinga, e financiada por Industria, varios expertos na materia avaliaron positivamente o proxecto, tanto polos prazos de execución, como pola súa capacidade técnica e a súa rendibilidade económica.

Alfonso García Ascaso, vicedecano territorial do Colexio de Enxeñeiros Navais e Oceánicos en Galiza defendeu a privatización de Navantia-Fene como a única saída posíbel, sexa cal sexa o novo propietario. Neste senso, sinalou que "o Estado non é nin será o mellor empresario neste escenario, xa que non ten obxectivos exclusivamente comerciais porque tamén os ten políticos".

Renuncia voluntaria a clientes
Ao respecto, comentou algúns dos graves erros cometidos pola Administración no pasado. Así, denunciou que no seu día se lle prometese a Astano a construción de offshore en exclusiva como moeda de cambio para a súa reconversión e, posteriormente, se lle permitise tamén o acceso aos estaleiros de Cádiz.

Máis significativo é a renuncia a clientes importantes por cuestións de estratexia política. Ascaso comentou que en 1985, formando el parte da División Industrial do estaleiro ferrolán, mantivo unha reunión con representantes da empresa Dragados. Esta precisaba da construción naval e quería facer de Ferrolterra un centro mundial de referencia. Porén, a resposta da Administración aos directivos de Astano foi que "se abstiveran de manter calquera tipo de reunións desta índole, fóra da súa competencia".

Sen autoexclusións nin autolimitacións
O vicedecano do Colexio de enxeñeiros navais en Galiza apuntou tamén algunhas claves para a consecución dun rendemento adecuado, por parte dun hipotético novo Astano. Unha destas é que debería nacer sen autoexclusións nin autolimitacións, tal e como garante un libre mercado como o da Unión Europea.

Tamén falou dos beneficios que a nivel público traería consigo unha posta en valor do estaleiro, como por exemplo, evitar a actual "fuga de cerebros" (Noruega solicitou ás universidades españolas 1.000 enxeñeiros e técnicos terrestres e mariños nas últimas datas).

Por último, sinalou que a construción civil posibilitaría a mellora do déficit exterior do Estado (balance de exportacións e importacións), que segundo os últimos datos medrou por riba do 30% respecto ao ano anterior. "O naval galego pode aportar moito a facelo positivo, incluso moito máis ca Citroën", afirmou.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: