Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Novo ciclo literario no Café Tortoni

A guerra civil contada polos galegos en Bos Aires

As lectoras galegas na Universidade de Bos Aires Andrea Cobas e Débora Campos organizan unha nova actividade literaria no mellor escenario posíbel: o Café Tortoni, sede dos coloquios de Blanco Amor ou Seoane. Desta vez, a guerra civil na narrativa galega será o fío condutor que reúna obras de Xavier Alcalá, Suso de Toro, Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Rivas ou Mª Xosé Queizán, dende o sábado 3 de marzo.

Redacción - 18:38 01/03/2007
Agosto do 36

Agosto do 36

"As representación da Guerra Civil (1936-1939) e o franquismo na nova literatura galega" achegará a Bos Aires as voces da diáspora. Os lectores bonaerenses coñecerán de preto, como indica Andrea Cobas, "a violencia do Estado, a emigración, a resistencia, as mulleres, sostén da familia e a economía, e moitos outros temas que non son alleos aos arxentinos que vimos de lembrar os 30 anos do golpe de Estado de marzo de 1976".

A Nova Literatura Galega, ou o corpus que integran as novelas escritas dende os últimos 80 até hoxe, será abordada dende a perspectiva do revisionismo histórico. As achegas máis recentes sobre e guerra e o franquismo veñen da man de Suso de Toro, co seu Home sen nome, e d'Os libros arden mal, de Manuel Rivas. Tamén serán lidas Fábula, de Xavier Alcalá, Land Rover, de Suso de Toro e algúns contos do libro Arraianos, de Xosé Luís Méndez Ferrín. Tamén Agosto do 36, de Xosé Fernández Ferreiro, Amor de tango, de Queizán, No ventre do silencio, de Ferrín, Expediente Artieda, de Luís Rei Núñez, e Pensa nao, de Anxo Angueira Viturro.

A escolla do Tortoni non é casual, segundo explicou a xornalista e profesora Débora Campos: "hai algo mais de 70 anos era neste mesmo lugar onde os artistas, políticos e pensadores que a Guerra Civil e o franquismo expulsaron da súa terra atoparon neste precioso café un recuncho onde seguir polemizando, reflexionando, xerando ideas e proxectos".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: