O goberno de Bolivia está decidido a que a nova Constitución recolla o dereito á autodeterminación dos pobos indíxenas. A proposta foille entregada á Asemblea Constituínte, encargada de redactar a Carta Magna.
O documento Propostas do poder executivo á Asemblea Constituínte para a elaboración da nova Carta Magna de Bolivia contempla o recoñecemento a que "os pobos indíxenas e orixinarios recuperen o seu dereito á autodeterminación". O informe do goberno que dirixe Evo Morales foi entregado á axencia EFE polo presidente dunha das comisións que están a traballar na redacción da Constitución.
No capítulo correspondente ás autonomías, o Executivo sinala que "os dereitos de autodeterminación e autogoberno se exercen a través da capacidade de autonomía dos pobos e comunidades", e suxire que os indíxenas recuperen o seu "papel protagonista".
Dereito a veto no seu territorio
"As autoridades dos pobos indíxenas teñen personalidade xurídica de orde constitucional. O seu recoñecemento corresponde a cada pobo e comunidade segundo os seus usos e costumes, sen que se lles requira ningún trámite adicional ante outra entidade", salienta o informe.
Ademais, segundo este, "terán dereito a que se lles consulte sobre a exploración e explotación de recursos no seu territorio, e, incluso, o dereito ao veto". Porén, aclara que os procesos de descentralización non poden pór en risco a cohesión de Bolivia.
Función social da propiedade privada
Por outra banda, o documento recolle a posibilidade de que o Estado sexa o propietario de todas as terras e recursos naturais. Tamén propón que a Igrexa católica perda os seus privilexios de relixión oficial e que as chamadas "organizacións sociais" -a maioría unidas no Movemento Ao Socialismo, MAS - integren un "órgano constitucional autónomo, que controle as actuacións e a xestión do poder público".
Respecto á propiedade privada, esta queda garantida "sempre que cumpra unha función social e que a súa adquisición ou tenza non sexa produto de feitos ou actos de corrupción".
Fotografía de James Rodríguez.