Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Convidada polo Club Internacional de Prensa

Mai Al Kaila: "todos os xornais falan sobre Palestina a cotío. Poucos din a verdade "

A embaixadora de Palestina en Chile ofreceu na tarde do xoves 15 na Aula Sociocultural Caixa Galicia a conferencia 'Palestina: onte, hoxe, mañá...', no marco do ciclo 'Os latexos do mundo'.

Lara Rozados - 15:30 15/03/2007
Mai Al Kaila

Mai Al Kaila

Mai Al Kaila naceu en Xerusalén no 55, e estudou nas escolas católicas de Bir Zeit e Ramallah. Con vinte anos diplomouse en Enfermería pola Escola de Formación Luterana de Xerusalén, e no 83 licenciouse en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Granada. Dende o 78 estivera na delegación española do Directorio da Unión Xeral de Estudantado Palestino. Tres anos despois, precisamente despois dunha estadía en Compostela, foi capturada xa de volta en Palestina e presa nos cárceres israelís. Xa no 92 obtivo o Maxisterio de Saúde Pública na Universidade de Berkeley (California), e nos 12 anos seguintes foi presidenta da Asociación de Mulleres de Bir Zeit e membro do Comité Superior de Al Fatah. Neste organismo foi ademais, dende o 99, secretaria xeral de Oficina do Movemento de Mulleres. no 97 especializouse en Xinecoloxía e Obstetricia.

A que hoxe é Xefa da Misión Diplomática para Palestina en Chile (dende novembro do 2005) foi tamén a fundadora, na UNRWA, de programas de Planificación Familiar e Maternidade Segura na Ribeira de Gaza e a ribeira occidental do 92 ao 95, e nos dez anos posteriores traballou na mesma organización como responsábel de saúde pública materno-infantil dos refuxiados palestinos. A Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA) foi estabelecida pola Resolución 302, a consecuencia da primeira guerra árabe-israelí no 48. Na actualidade prové de servizos sanitarios, sociais e educación a 4.3 millóns de palestinos rexistrados como refuxiados no Oriente Medio. Na tarde do xoves 15, Mai Al Kaila estará na Aula Sociocultural de Caixa Galicia continuando o ciclo 'Os latexos do mundo'. Previamente, falou cos medios de comunicación que se quixeron achegar ao Club Internacional de Prensa. A embaixadora palestina en Chile abordou na conferencia titulada 'Palestina. onte, hoxe, mañá...', precisamente a historia do seu país e as esperanzas para o futuro. “Tratarei en parte sobre que nos espera como Palestina, e tamén que podemos esperar por parte da Comunidade Internacional, e con respecto a pobos amigos”.

Muller e palestina: dobre loita


Mai Al Kaila agradeceu o convite do Club Internacional de Prensa e o seu interese por abordar este tema, e salientou a necesidade de mover forzas políticas e movementos a prol dos dereitos humanos para buscaren a xustiza con Palestina. “Sen esperanza non sobrevive ningún pobo. Algún día teremos un estado libre e os nenos vivirán en paz”. Para ela é particularmente salientábel o movemento feminista que se desenvolve en Palestina: “as mulleres levan a peor parte neste tipo de conflitos: moitas dan a luz nos checkpoints, na franxa de Gaza e na ribeira occidental, nun ambiente realmente duro, en público... E non falemos das presas: a tortura ten unha dupla vertente nos interrogatorios: a física e a psicolóxica. Hai ameazas brutais para as mulleres, mulleres árabes, educadas baixo o peso dunha tradición”. As ameazas de violación ou de humillación pública, tales como seren espidas diante do seu home ou dos seus irmáns, son métodos totalmente vexatorios para conseguir confesións. Al Kaila lembra casos de mulleres cuxo embarazo conseguiu saír adiante pese ás torturas físicas, e nacementos de bebés no cárcere. A loita das mulleres é imprescindíbel: “sinto moito orgullo polas mulleres palestinas: o movemento feminista é o máis forte dos países árabes, xa que temos que enfrontarnos a unha dobre loita, a política e a de xénero. dende 1920, a loita social é moi forte, pero aínda queda moito por facer pola igualdade de oportunidades. Con todo, xa digo, no mundo árabe é referencial Palestina. Non podemos tentar compararnos con Noruega, pero si co noso ámbito, con Xordania ou Exipto”. Que as mulleres palestinas poidan estudar, como sinala Al Kaila, supón unha melloría do seu status, en canto tamén poden facer unha achega económica na súa familia e teñen tamén capacidade de falar e decidir. “As mulleres árabes somos educadas na cultura do silencio, pero isto está a cambiar. O ambiente social é o máis propicio, e os homes estanse a implicar tamén: nas últimas eleccións propúxose unha cota do 30% nas listas, o que sería un logro moi grande. Agora mesmo o 18% do Parlamento está integrado por mulleres.

Presa política

Ela mesma lembrou o seu presidio, cando volveu a Palestina despois de estudar Medicina en España. “Non podo lembrar o meu caso sen antes contrastalo co de outros compañeiros: o 20 % da poboación palestina estivo presa por motivos políticos. Na actualidade hai 650.00 presos políticos na franxa de Gaza. Entre eles, bastantes mulleres e menores de 16 anos. E a prisión é diferente tamén para as mulleres. Cando eu era estudante vira 'O crime de Cuenca', de Pilar Miró. E durante o meu interrogatorio lembrei moito ese filme. Despois da tortura psíquica e física á que fun sometida, chegou o período das celas. Estaba en condicións infrahumanas, sen auga, luz nin comida, nin onde facer as necesidades, nin onde durmir... Permanentemente esperta, no medio da sucidade. Comía as sobras dos soldados israelís,q ue me daban ás cinco da tarde”. O sistema xudicial atenta contra os dereitos humanos: “Como me pode xulgar un xuíz que é inimigo meu?”, pregunta Mai. “Tiña que haber unha supervisión internacional do proceso, non facer que me xulgue un israelí que vai facer por que me teñan presa. Ademais, obríganche a asinar unha declaración en hebreo (eu sei, a forza dos anos que pasei no cárcere, pero a maioría dos palestinos non), na que te poden estar acusando de calquera cousa, e a sentenza fundaméntase nunha declaración que a persoa acusada nin sequera entende”.

A censura global

Pensando na comunidade internacional, non ten esperanzas de que as actitudes cambien nos EUA: “Sempre apoiarán a Israel, hai un lobby sionista moito máis forte do que pensamos nos EUA, que ten mercada toda a prensa, dende a CNN até o último xornal. As eleccións democráticas tamén están dirixidas polo sionismo. Temos esperanza aínda porque queda Europa, e temos tamén a solidariedade dos pobos latinoamericanos. O proceso será lento, pero temos que ter esperanza. Eu podo morrer sen ver unha Palestina libre con capital en Xerusalén, pero traballamos para que os nosos fillos ou netos poidan vela.” Para ela é fundamental que a comunidade internacional tome conciencia, e para iso considera fundamental o papel dos medios. “En Palestina non temos a prensa controlada, gozamos de auténtica liberdade de expresión. Pero no mundo árabe somos moi controlados polos grupos israelís. E xa non digamos a nivel internacional”. Al Kaila salientou exemplos como Robert Fisk, correspondente do Independent, ou Amira Hass, do israelí Ha'aretz, autora de varias crónicas dende a franxa de Gaza, a única xornalista israelí que vive entre palestinos e está da súa parte, e mesmo recibiu o premio Guillermo Cano á Liberdade de Prensa da UNESCO no 2003, unha excepción dentro da norma. “todos os medios están mercados polos cartos, e hai poucos xornalistas que escriban xa non digo a prol do pobo palestino, senón simplemente facendo caso da súa conciencia. Non hai ningún xornal do mundo que non escriba cada día algo sobre Palestina, pero tampouco escriben a verdade”.

Nos documentos adxuntos atopamos desglosado en capítulos o contido da conferencia: as diversas etapas históricas de Palestina e a experiencia como médica de Mai Al Kaila.


Documentos

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Colexio nun campamento de refuxiados
Colexio nun campamento de refuxiados
Mai Al Kaila con Carmen Carballo
Mai Al Kaila con Carmen Carballo
O territorio palestino ao longo de cinco séculos
O territorio palestino ao longo de cinco séculos