Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Terán lugar no mes de maio en Pontevedra

Ábrese o prazo para as xornadas 'Marca Galicia'

O Club Internacional de Prensa, en colaboración coa Secretaría Xeral de Comunicación, bota a andar dúas das propostas maís interesantes do ano: o Simposium Internacional 'Pobre mundo rico' e unhas xornadas sobre publicidade.

Redacción - 11:50 19/03/2007
Joan Costa

Joan Costa

Este luns 19 de marzo ábrese o prazo para apuntarse ás xornadas sobre publicidade “Marca Galicia”, que terán lugar os vindeiros días 29, 30 e 31 de maio, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra, da Universidade de Vigo. Nelas celebraranse cinco mesas-debate cos seguintes títulos: Responsabilidade Social Corporativa (límites legais e éticos das empresas); Cara onde van as axencias de publicidade, Novos medios, A publicidade institucional. Información versus publicidade (na que se abordará como funciona a principal anunciante de Galiza e o papel que desenvolven os gabinetes de comunicación), e Liberdade de crear, sobre os límites da creatividade publicitaria, a censura e autocensura.

Ademais, o comunicólogo catalán Joan Costa inicia un obradoiro o día 31 de maio, co título O plan estratéxico de Comunicación, ferramenta central na construción e o control da Imaxe de Marca. Ese mesmo día, ás 20.00, ofrecerá a conferencia Macromarcas. Estratexia holística a grande escala e de alta complexidade. Costa é un dos investigadores máis importantes no campo da comunicación publicitaria: catedrático de Deseño e Comunicación Visual na Universidade Iberoamericana de México, profesor da Universidade Autónoma de Barcelona, da Universidade Abat Oliba (Barcelona) e do Istituto Europeo di Design (Madrid), é tamén profesor invitado en varias universidades de Europa e América Latina e ten escrito ducias de libros sobre comunicación e deseño.

Comezan os preparativos para 'Pobre Mundo Rico'

Por outra banda, o Club comezou xa a traballar na preparación do Simposium Internacional 'Pobre mundo rico', que terá lugar nos meses de outubro e novembro en Compostela e outras cidades galegas. Co fin de implicar ao alumnado da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, e o doutras universidades, na mañá do luns 19 percorrerá varias aulas da facultade nun acto coprogramado xunto co Vicedecanato, para espallar material informativo e documental. A proxección de audiovisuais de diversos xéneros (documental, reportaxes, entrevistas, etc…) e máis unha exposición de fotografía, son parte desta programación. Os traballos realizados polo estudantado, ademais de posibilitar o recoñecemento dun Crédito de Libre Configuración, serán proxectados e expostos xunto con outros produtos audiovisuais de profesionais. O mércores día 21, a presentación terá lugar na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra, da Universidade de Vigo, ás 12 do mediodía.


Documentos

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: