O presidente da Xunta e o gobernador do estado, Jaques Wagner, acordaron iniciar os trámites para aumentar o intercambio e potenciar as relacións entre ambos.
Jaques Wagner e Emilio Pérez Touriño / Foto: Xoán Crespo
Os dous representantes políticos anunciaron o seu compromiso de promover intercambios entre a mocidade galega e bahiana para o coñecemento cultural mutuo. Emilio Pérez Touriño amosou o seu interese en abrir a nosa presenza cultural no Brasil, onde hai unha importante implantación da comunidade galega.
Como mostra da colaboración cultural entre as dúas terras, o martes inaugurouse na sede do Instituto Cervantes de Salvador de Bahía unha exposición organizada polo Consello da Cultura. Ademais, desenvolveuse o Encontro Poético-Musical Galicia-Brasil, onde coincidiron no mesmo escenario o brasileiro Toquinho e o grupo galego Milladoiro.
Na xuntanza tamén se trataron as posibilidades de cooperación nos eidos empresarial, pesqueiro e sanitario. A axenda de traballo concretarase cando Wagner retribúa a visita de Touriño cunha viaxe a Galiza.