Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ENTREVISTA CON ANA LUISA BOUZA

Un "teito de cristal" impídelle ás mulleres progresar nas TIC

A directora do Servizo Galego de Igualdade analiza os prexuízos que causan a fenda dixital de xénero e pide máis contidos para amas de casa.

Manuel Vilas - 17:02 22/03/2007
Ana Luísa Bouza

Ana Luísa Bouza

Menos do 20% das empresas tecnolóxicas do país están dirixidas por mulleres. Esto é un dos síntomas do que Ana Luísa Bouza, directora do Servizo Galego de Igualdade, chama “teito de cristal”. Trátase de prexuízos, non sempre visíbeis, que “impiden que as mulleres ascendan por riba dun certo nivel na súa vida profesional”.

Nunha entrevista co portal do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información, Bouza -que é informática de profesión- admite que na tecnoloxía “houbo un cambio espectacular nos últimos quince anos”. Malia todo, defende que cómpre tomar máis medidas para achegar as mulleres ás TIC. No caso da rede aposta por publicar máis contidos que mostren ás mulleres que traballan na casa que internet pode mellorar as súas vidas.

A proporción de galegas que nunca usou internet é 20 puntos superior á dos galegos. A que se pode deber esta fenda dixital entre as mulleres?
Mestúranse varios factores. Por unha parte, o estereotipo di que as mulleres non temos habilidade para as tecnoloxías, aínda que a realidade é outra. Este prexuízo existe incluso entre as propias mulleres. Ademais -como detectou o PEGSI- para achegarse a internet os contidos son fundamentais. E o certo é que internet ten poucos contidos dirixidos ás mulleres, sobre todo ás mulleres que non usan a rede a miúdo. É dicir, si que hai contidos dende o punto de vista profesional; pero hai que pensar que en Galiza hai moitas mulleres inactivas e moitas que se adican a traballos non recoñecidos como tales. Quizais deberiamos revisar os contidos que se ofrecen e incorporar aqueles que interesen as mulleres.

É dicir, que non unicamente haxa webs para mulleres que traballan fóra da casa...
Por exemplo, o coidado de persoas dependentes fano mulleres no 90% dos casos, cando non é remunerado. E hai moi poucos contidos que axuden na rede a ese traballo. O mesmo pasa co coidado da infancia e moitas outras actividades que fan as mulleres.

E no mundo da empresa, tamén existe o estereotipo de que as mulleres non valen para a tecnoloxía? Tendo en conta que os datos mostran que hai moi poucas mulleres directivas de compañías tecnolóxicas...
Creo que o estereotipo ten cada vez menos forza. Cada vez hai máis mulleres nas facultades, cada vez as mozas teñen máis claro que a formación é clave para superar o teito de cristal no mundo laboral. De feito, os números nas carreiras tecnolóxicas están máis equilibrados. Pero debería haber unha maior proporción de empresas creadas dende a universidade e lideradas por mulleres, tendo en conta este equilibrio nas aulas. Pero este déficit dáse tanto nas empresas tecnolóxicas como noutros sectores.

Dende a súa experiencia profesional como traballadora no eido da informática, cre que mellorou a situación para as mulleres co paso dos anos?
Claro, cando eu empecei a traballar eu era a única muller do departamento e cando collín a excedencia eramos a metade e metade de mulleres. O certo é que hai moitas mulleres xefas de equipo, pero as xefaturas de departamento -igual que pasa nas universidades- seguen estando en mans de homes. Non sei se é cuestión de tempo que cambie ou se hai un teito de cristal. Pero ben, a nivel de informáticos de base e mandos intermedios, houbo un cambio espectacular nos últimos quince anos.

A que se refire coa expresión “teito de cristal”?
É un termo do feminismo para dicir que hai algo que non se ve pero que impide que as mulleres ascendan por riba dun certo nivel na súa vida profesional. Dise “de cristal” porque non se ve a primeira vista. A realidade é que as mulleres nunca chegan tan alto como homes, salvo moi contadas excepcións.

Se o que impide as mulleres superar ese teito de cristal son estereotipos de tipo socio cultural, que se pode facer dende o goberno para eliminar estas barreiras?
É fundamental cambiar os estereotipos, que haxa mulleres con altos cargos en empresas tecnolóxicas -como a famosa directora de Microsoft en España, por exemplo. Os nomeamentos de directivos de alto nivel son subxectivos, tanto no sector público como no privado, non dependen dunha oposición. Por exemplo, a xudicatura -que si depende dunha oposición obxectiva- estase enchendo de mulleres porque aí non hai teito de cristal. As mellores notas logran os cargos. Ese é un exemplo claro de que cando a persoa que nomea non ten prexuízos, homes e mulleres ascenden aos postos importantes en igual medida.

Que programas ten en marcha o seu Servizo para fomentar o uso da Rede entre as mulleres?
Temos moitas iniciativas para fomentar internet entre as mulleres do rural. Entre elas un programa de alfabetización dixital, en telecentros e cunha aula móbil. Ademais publicamos unha guía de contidos na rede que son útiles para as amas de casas e as nais, para que vexan que a rede é unha ferramenta que pode mellorar a súa vida. Tamén proporcionamos apoio ás empresas dirixidas por mulleres para que creen as súas páxinas web. Sabemos que, debido á fenda dixital das mulleres do rural, o resultado destes programas pode que non sexa tan espectacular como se fixéramos esas accións nun ámbito no que internet está moi popularizado. Pero necesitamos facer iniciativas deste tipo porque o único xeito de superar as fendas é atacar os sectores nos que hai dificultades. Nin as mulleres nin as persoas do rural teñen ningunha dificultade innata para o uso da tecnoloxía.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: