A Convención Electoral Nacional xirou en torno ao papel a desenvolver polos concellos na construción do país.
Bravo e Mera na presentación do acto
O Bloque Nacionalista Galego celebrou este sábado, a partir das 18:00 h no Pazo de Congresos de Santiago, a súa Convención Electoral Nacional. Deste xeito, a formación liderada por Anxo Quintana abriu oficialmente a precampaña de cara ás eleccións municipais de maio de 2007.
A convención foi retransmitida en directo pola web nacional do BNG, a través de Telebenegá, "de acordo cunha experiencia xa ensaiada durante a XII Asemblea Nacional”, tal e como anunciara María Xosé Bravo, secretaria de Comunicación do partido.
O acto pivotou sobre unha idea central: a de que “tamén desde os concellos se pode construír país”. Neste sentido, a secretaria de comunicación cualificou o localismo de “lastre para o país, porque o divide e debilita e adoita ademais ser compañeiro de viaxe do españolismo máis reaccionario”.
“Nós o que queremos é que os concellos cooperen entre si, non que compitan entre si, porque así atenderán mellor as demandas dos veciños e das veciñas”, afirmou na presentación da Convención a responsábel de comunicación da executiva do Bloque.