Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Sete álbums acaban de saír do forno

A primavera trae novidades discográficas

Unha absoluta maioría dos traballos publicados estes días pódese encadrar baixo a etiqueta da música folc.

Redacción - 11:35 28/03/2007
'Entre dous mares', de Rosa Cedrón

'Entre dous mares', de Rosa Cedrón

A chegada da primavera anima os cantantes e grupos do país a sacaren novos traballos discográficos. O máis recente de todos é o novo álbum de Rosa Cedrón, que presentou o martes 27 Entre dous mares. Cedrón canta e compón a música da meirande parte dos temas do disco, que tamén conta con melodías e letras tradicionais e colaboracións especiais, como a da poeta Yolanda Castaño, autora da letra de tres faixas. O traballo está publicado por Warner Music.

Aínda non saíu á venda, pero está en preparación, o novo disco de Cristina Pato, co que repite a experiencia de hai dez anos de subir a un escenario co grupo Mutenrohi. Misturados ao vivo, dez anos despois (1997-2007) estará á venda a finais de abril a través de Zouma Records. Será unha edición especial de CD máis DVD.

Tamén na órbita do folc está Sete Saias, dúo formado por Marta Quintana e Clara Pino que presentou a comezos de marzo o seu primeiro traballo, publicado por Pai Música. Tamén teñen un vídeo musical na canle que a discográfica mantén en Youtube:



A Caricia da Serpe é o proxecto formado por Lino Braxe, Miguel Ladrón de Guevara, Xosé Luís Saqués e Rómulo Sanjurjo e atópase actualmente de xira polo país a presentar o seu primeiro traballo, que leva o mesmo nome do grupo. Despois de case dez anos xuntos, decidíronse a publicar no selo Wonderland discos. A súa música poderíase definir como literatura sonora.

Tamén presenta o seu último disco, Animales domésticos. Manual del tiempo perdido, o percusionista ribadaviense Marcos Vázquez, percorrendo as principais salas da nosa terra. Os seus sons escoitaranse o mércores 27 no Dado Dadá de Compostela, o venres 29 na Borriquita de Belém da mesma cidade e o sábado 30 no pub Aljama da súa vila natal. A gravación está editada por Freecode records.

O cantautor sadense París Joel presentou a pasada fin de semana a súa nova maqueta, Virtualidad, que foi semifinalista do certame convocado en Melilla pola Fundación Autor da SGAE. Fóra das nosas fronteiras administrativas, pero asemade moi preto, a discográfica berciana Legados acaba de presentar o segundo traballo do grupo de folc leonés Sog, titulado 0505 ou Osos.


3.83/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: