Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A XUNTA BARALLA UNHA APOSTA POLA COMPOSTAXE

O colapso da planta de Sogama acelera os traballos para un novo plan de residuos

O vertedoiro cercedense da Areosa acumula xa máis de dous millóns de toneladas de lixo

Redacción - 09:00 05/04/2007
Vista aérea de Sogama

Vista aérea de Sogama

As asociacións ecoloxistas e maila Consellería de Medio Ambiente coinciden nun punto: o modelo de xestión de Sogama como única saída ao refugallo urbano é un fracaso. A planta de Cerceda só é quen de tratar unha parte do lixo que chega até as súas instalacións. Mentres, no mesmo municipio segue a medrar o macrovertedoiro da Areosa, que xa acumula 2,2 millóns de toneladas de desperdicios.

A situación en Cerceda é límite. Sogama dalle servizo a 265 municipios galegos, que xeran ao ano un millón de toneladas de lixo. A planta de Cerceda é quen de tratar, no mellor dos casos, 550.000 toneladas. A situación obriga a acelerar un novo plan de residuos. O obxectivo a curto prazo é buscar unha fórmula para tratar o lixo do sur de Galiza e aliviar así as instalacións cercedenses.

A incineración queda descartada

Os ecoloxistas sinalan que a Consellería de Medio Ambiente confirmoulles hai poucas semanas que non se volverá apostar pola incineración, nin sequera pola polémica gasificación por plasma. O Goberno Galego sabe que unha nova Sogama tería unha resposta social considerábel onde queira que se propuxese o seu emprazamento.

Un dos camiños máis probábeis semella ser o da compostaxe. Aínda que as organizacións ecoloxistas apoiarían esta decisión, tamén poñen as súas obxeccións. Fins Eirexa, representante de Adega, sinalaba este mesmo martes que a solución non pasa por unha “megaplanta” de compostaxe. Pola contra, opina que a solución idónea está nas políticas de redución e nunha rede de plantas de compostaxe en todo o sur de Galiza.

Segundo esta fórmula, cada área metropolitana contaría cun centro propio para tratar o refugallo. No caso dos municipios rurais e vilas tenderían a agruparse até conformar unha poboación de 50.000 veciños, que é o número mínimo que se estima para que pague a pena unha planta. Porén, a Administración non descarta, nin moito menos, unha única planta para todo o sur. A centralización ou descentralización do tratamento semella que vai ser o gran cabalo de batalla entre Goberno e asociacións de ecoloxistas nos vindeiros meses.


4.63/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: