Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Lonxe do 7% necesario para erradicar a pobreza

A economía africana medrou un 5,6% en 2006

Nacións Unidas publicou o informe anual sobre o desenvolvemento de África que, malia rexistrar cifras positivas, tamén advirte de estaren sustentadas sobre "alicerces demasiado fráxiles".

Redacción - 12:02 09/04/2007
A ONU fixo público o seu informe anual para África

A ONU fixo público o seu informe anual para África

A Comisión Económica das Nacións Unidas para África (Uneca, nas súa siglas en inglés) fixo público a semana pasada o seu informe anual, relativo a 2006, sobre o progreso da situación económica e social neste continente. A ONU espera un crecemento do 5,8% para 2007, maior ca o anterior (5,6%), mais lonxe aínda do 7% que necesita para reducir a pobreza.

Ademais, o informe aconsella unha maior diversificación da economía africana, actualmente baseada no mercado do petróleo e doutras materias primas, demasiado vulnerábeis a variabilidade dos prezos. Considera que estes sectores comerciais, impulsores dun moderado desenvolvemento, están sustentados sobre "alicerces demasiado fráxiles". Tamén incide na necesidade dun maior investimento en infraestruturas.

"A economía africana segue a estar sustentada polo chamado 'bo momento' dos últimos anos", sinalou Eloho Otobo da Uneca, quen engadiu que "os tempos son chegados para que África empregue os seus esforzos en diversificar a súa economía".

Mauritania e Cimbabue, dous polos opostos

O país que lidera a lista de 2006 é Mauritania, que medrou un 19.8% grazas aos ingresos obtidos polo comercio de petróleo. Angola, cun 17.6%, e Mozambique, cun 7.9%, ocupan o segundo e o terceiro lugar, respectivamente.

No polo oposto atópase Cimbabue. A súa economía sufriu un retroceso estimado polas Nacións Unidas nun 4.4%, debido as "dificultades políticas, exacerbadas polas continuas secas de 2006", sinala o informe. O resto de países que ocupan os cinco peores postos son as Comores, Costa de Marfil, Suazilandia (as tres cun 1,2%) e as Seicheles (1%).

De se cumpriren as expectativas da CECA, 2007 sería o cuarto ano consecutivo en que a economía de África medrase. Concretamente, en 2004 foi do 5,2%, en 2005, do 5,3%, e do 5.6% en 2006.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: