Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
ADMINISTRACIÓN ACTÚA CONTRA O AMBIENTE

Agresión á biodiversidade na limpeza dos ríos do Morrazo

Luita Verde califica de moi agresiva a actuación levada a cabo polas brigadas contratadas pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible na limpeza dos ríos na comarca (Miñouba, Barranco do Faro, rio da Fraga, Saíñas, Bouzós,...).

Luita Verde - 20:11 12/04/2007
Tags:

Denuncia que a pesar do positivo feito de que con estas labores se aproveitara para limpar verquidos incontrolados de lixo e de ramaxe que impedían o paso das augas nas crecidas, se podou e desbrozou en exceso nas marxes dos ríos, afectando en sobremaneira á rica biodiversidade de fauna e flora propia destes ecosistemas húmidos de ribeira. Salienta que entre esa variada biodiversidade hai varias especies de interese botánico, que ademáis moitas plantas comezaban a florecer e que especies animais de anfibios, réptiles, micromamíferos, aves e insectos, dependen especialmente da floresta, que aparte de utilizala como cobixo e alimento, a utilizan tamén como sostento e protección na súa fase de aniñada e reproductiva. Luita Verde entende que estas labores foron realizadas con demasiada precipitación motivado pola alarma das riadas do inverno pasado e despóis de moitos anos de abandono, deixadez e inoperancia da propia administración (Xunta e concellos), onde non se limpou, deixando pecharse de vexetación moitos dos tradicionais camiños públicos de paso e se tolerou o verquido incontrolado de todo tipo de lixo, entullos, terras, ramaxe de talas, etc, tanto nas marxes como no propio leito. O máis sostible sería facer a limpeza anualmente, fora da época de cría da fauna, respetando a vexetación ripícola e minimizando o máximo a utilización de maquinaria. Luita Verde por outra parte lembra que a ramaxe e os verquidos de lixo non son o úneco e principal problema de atranco ante as crecidas nos ríos senón que tamén o son e de piores consecuencias, a construcción de vivendas e muros na zona de servidume ou enriba dos mesmos, ou a colmatación dos leitos por áridos e terras procedentes de obras ou viais, como por exemplo a vía rápida, onde cumpre medidas e urxentes de corrección e unha estricta aplicación das normativas urbanísticas, ambientais e de residuos, como prevención de futuro. Polo contrario mentras tanto, se segue a eliminar vexetación arbórea e a urbanizar dentro das áreas de ribeira e da propia zona de servidume dos ríos, como por exemplo nas Barxas, en Moaña, O Atranco, en Cangas ou As Lagoas, en Bueu, e se expoñen a que no futuro teñan problemas de riadas iguais ou piores ás acontecidas neste inverno pasado.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: